- Atletas de referencia e profesionais do distrito sanitario participaron nunha xuntanza colectiva de rodaxe suave para visibilizar unha cita deportiva solidaria que busca recadar fondos para a investigación das enfermidades raras
- A actividade contou coa participación do xornalista do gabinete de comunicación sanitario Miguel Gómez Longo, xunto aos adestradores e referentes do atletismo galego Manuel Huracán Hurtado e Víctor Riobó, o atleta arousán Pablo Otero, e os destacados corredores Pepe Sánchez del Valle e Pablo Ulla
A Ponte dos Tirantes de Pontevedra acolleu onte unha xuntanza deportiva e solidaria aberta a corredores de todos os niveis co obxectivo de sensibilizar á poboación e impulsar a participación na vindeira IV Carreira e Andaina Solidaria de Leo, evento que se celebrará no concello de Meis o vindeiro 4 de outubro para recadar fondos destinados á investigación das patoloxías raras.
A proposta consistiu nun adestramento en grupo sen carácter competitivo, con ritmos suaves e adaptados para compartir quilómetros por unha causa social. A representación da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés correu a cargo de Miguel Gómez Longo, xornalista do gabinete de comunicación sanitario e atleta de fondo da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, quen participou na rodaxe xunto a destacados referentes do atletismo galego coma o seu adestrador no club ximnástico, Manuel Huracán Hurtado, o atleta Víctor Riobó e o corredor arousán Pablo Otero, subcampeón nacional de milla urbana en ruta.
A sesión atlética contou tamén coa asistencia de Pepe Sánchez del Valle, campeón absoluto de Milla en Ruta en 2026, así coma de Pablo Ulla, medalla de bronce na categoría absoluta, quen con Miguel Gómez Longo forma parte do grupo de adestramento dirixido por Manuel Hurtado. En relación co pulo a esta iniciativa, o xornalista do gabinete de comunicación da área sanitaria de Pontevedra- O Salnés, Miguel Gómez Longo, subliñou que “para nós, correr tamén é sinónimo de solidariedade e de compromiso coa nosa xente”, destacando o valor do deporte coma ferramenta de transformación e apoio social fronte ás enfermidades de baixa prevalencia.
Deporte, saúde e investigación en patoloxías raras
Cómpre lembrar que a Carreira de Leo xurdiu para homenaxear a memoria do pequeno Leo, bebé falecido en 2022 por mor dunha patoloxía rara, e conta co propósito fundamental de visibilizar estas enfermidades e recadar recursos para a súa investigación científica. A organización deste evento traballa coa previsión de reunir a preto de 2.000 participantes na cita do vindeiro 4 de outubro de 2026 en Meis.
Coa presencia nesta iniciativa de sensibilización, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés reitera o seu apoio ás causas que promoven a investigación médica, a solidariedade veciñal e a práctica do exercicio físico como piar de hábitos de vida saudables.

