Contaría cunha vintena de habitacións nun emprazamento privilexiado e singular xunto á zona termal
O alcalde destaca o potencial desta iniciativa: “Ourense non pide unha subvención: ofrece ao Estado un proxecto”, asegura
O Concello de Ourense proporalle á administración estatal, a través da Sociedade Mercantil Estatal Paradores de Turismo de España, que a antiga prisión da rúa do Progreso, xunto á Casa de Baños e todo o complexo que forman ambos os dous edificios, se converta nun Parador Nacional de Turismo. Así o anunciou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen impulsa esta iniciativa coa finalidade de poñer en valor estes espazos e aproveitar o seu potencial turístico e termal.
Explica que sería un parador boutique, de pequeno tamaño, adaptado ás características do inmoble, con vinte habitacións e especialmente vinculado a un dos grandes recursos de Ourense: o termalismo. Lembra o rexedor que España xa conta con Paradores de dimensións reducidas e inmobles singulares que foron rehabilitados para darlles unha nova vida turística. Neste caso, o valor engadido sería “a localización excepcional: xunto ás termas, nun enclave urbano privilexiado e coa posibilidade de crear un establecemento con identidade propia, ligado á súa historia e, ao mesmo tempo, ao carácter termal de Ourense”.
O alcalde destaca o potencial desta iniciativa: “Ourense non pide unha subvención: ofrece ao Estado un proxecto”, que resume en 4 claves: “un edificio con historia, unha contorna única, unha rede turística nacional e unha nova vida para todo o complexo”.
Propiedade municipal
A fórmula proposta blinda a titularidade municipal do espazo. Así, o Concello realizaría unha cesión de uso por 75 anos á Sociedade Mercantil Estatal Paradores de Turismo de España, para que poida rehabilitar e xestionar o establecemento durante ese período. Ourense conservaría a propiedade dun patrimonio municipal, mentres que o Estado, a través de Paradores, podería acometer a súa transformación e explotación turística.
Canles de promoción e comercialización
Pérez Jácome considera que incorporar Ourense á Rede de Paradores daría un valor engadido á recuperación desta contorna “con todo o que supón formar parte duns canles de promoción, comercialización e reservas. Paradores ten ademais unha clientela que busca precisamente este tipo de establecementos singulares. Por tanto, non dependeriamos unicamente de captar turistas pola nosa conta: Ourense entraría no circuíto turístico de Paradores, canalizando cara á cidade unha demanda que xa utiliza esta rede para organizar as súas viaxes”.

