O PSdeG-PSOE acusa a Xoán Castaño de aprobar por terceiro ano consecutivo un orzamento ilegal, ignorando informes técnicos, advertencias do Ministerio e sentenzas firmes do TSXG

Redacción

Aseguran que o alcalde reincide na ilegalidade ao ocultar facturas sen consignación, incumprir o Plan de Sostibilidade, falsear previsións de ingresos e desoír as esixencias de Hacienda

O PSdeG-PSOE de Catoira considera ilegal o orzamento municipal para 2026 aprobado polo grupo de goberno, converténdose no terceiro nulo consecutivo impulsado por Xoán Castaño, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarase nulos de pleno dereito os de 2024 e 2025. Para os socialistas, esta reiteración non é un accidente, senón a evidencia dun modus operandi ancorado na irregularidade, na improvisación e no desprezo sistemático á legalidade e ás advertencias técnicas.

O voceiro socialista, Alberto García, interpreta esta teima do alcalde como unha deriva sistémica cara á ilegalidade, ignorando incluso as graves advertencias que o interventor municipal e o Ministerio recollen nos seus informes. A pesar de ser plenamente consciente de que existen facturas pendentes de pago por valor de 227.202 euros sen consignación orzamentaria, o alcalde decide non incluílas no orzamento de 2026, unha omisión que o xurídico municipal cualifica de “moi preocupante”.

O grupo socialista subliña que outra das causas que converten o orzamento en ilegal é o incumprimento das esixencias do informe vinculante do Ministerio de Hacienda en materia de Aforro Neto e Remanente de Tesourería, ambos negativos e de contía relevante. Esta situación obrigaba ao Concello a garantir a estabilidade orzamentaria, algo que o alcalde non fixo.

Alberto García lembra que o aforro neto dos últimos tres anos é negativo, un dato que evidencia a incapacidade do goberno local para facer fronte aos gastos correntes e ás cotas de amortización da débeda financeira. A isto súmase que o alcalde remitiu ao Ministerio un Plan de Sostibilidade que tamén incumpriu, xa que para equilibrar o déficit acumulado certificou documentalmente que aumentaría os ingresos mediante a subida do IBI —do 0,60 ao 0,70— unha medida que o Ministerio lle esixía aplicar para poder validar o orzamento. Cómpre lembrar que o informe que recollía as medidas a adoptar establecía claramente a

obrigación de cumprir os compromisos en materia de ingresos adquiridos polo Concello no Plan de Sostibilidade Financeira. .

Para os socialistas, isto evidencia os nulos escrúpulos do alcalde para mentir documentalmente, mesmo diante dunha administración que emite informes vinculantes sobre a situación económica municipal.

O PSdeG-PSOE destaca tamén as incongruencias dun orzamento municipal de 3.295.699 euros cando o Ministerio fixa un límite de 3.031.323 euros, unha diferenza de 264.376 euros que obriga ao alcalde a axustar á baixa as contas.

A formación socialista enumera así unha serie de ilegalidades: o incumprimento do informe de Hacienda; a ausencia dunha partida para abonar os 227.202,96 euros pendentes; a sentenza que anula os orzamentos de 2024 e 2025 e obriga a reflectir un superávit equivalente ao déficit de 359.341,42 euros da liquidación de 2024 —superávit que non aparece nas contas de 2026—; e a falta de cobertura para o pago dos intereses dos préstamos dos Fondos de Financiación. Todo isto permite ao PSdeG-PSOE cualificar o orzamento de 2026 como o terceiro orzamento ilegal presentado por Xoán Castaño.

Para os socialistas, o alcalde está “ancorado na Idade Media”, permitindose incumprir o que lle indican os técnicos, os xurídicos municipais e o propio Ministerio de Hacienda. A agrupación considera que, á vista de todo o anterior, todo apunta a que o TSXG volverá declarar nulas as contas deste ano. E advirten: de continuar esta forma de gobernar, non sería descabellado que o Concello acabe intervido.

Comparte este artigo