O concello de Nigrán estará representado polo axente Ubaldo Rodrígurz no Campionato de España de BTT de Policías Locais e no Europeo

Redacción

Sitúase entre os favoritos a podio ao ser o vixente campión da Ribeira Sacra Cycling Road, da Clásica Álvaro Pino ou segundo absoluto na Subida Á Groba

“A bici é a miña vida, adestro tódolos días da semana unha media de 16 horas en total”, explica Ubaldo, axente en Nigrán desde hai 21 anos

O Concello de Nigrán estará representado por Ubaldo Rodríguez De Oliveira no Campionato de España de Policías Locais (BTT) desta fin de semana en León e tamén no europeo de policías e bombeiros que terá lugar en Vigo este mes de outubro. O axente sitúase entre os claros favoritos a subirse ao podio ao ser o vixente campión da Ribeira Sacra Cycling Road e da Clásica Álvaro Pino, ademais de ser o segundo absoluto na Subida Á Groba e terceiro na xeral da Volta a Galicia BTT máster 40. O edil de Deportes, Roberto Garrido, entregoulle hoxe o maillot corporativo do Concello no que destaca a marca ‘Nigrán, equilibrio natural’ e, en sendas mangas, o escudo da Policía Local e da empresa de Priegue ‘Grupo Artesán’, que actúa habitualmente como o seu sponsor.

“A bici é a miña vida, adestro tódolos días da semana unha media de 16 horas en total”, explica Ubaldo, axente en Nigrán desde hai 21 anos e quen pertence ao club vigués ADN Bikes, co que asiste tamén a diferentes competicións. “O nivel é moi alto, participan máis de 200 axentes, pero aínda asi eu aspiro a obter algún título”, admite, ao tempo que confesa que a súa especialidade é o ciclismo en ruta e a cronoescalada.

Esta non é a primeira vez que Ubaldo representa a Nigrán nuns campionatos de policía, hai 4 anos xa participou no campionato de España celebrado na Coruña sendo o primeiro clasificado da comunidade, mentres que no 2016 estivo en Huelva nos europeos. Agora agarda volver a traer medallas para o Concello.

Comparte este artigo