Davinia Lojo lembra que o grupo municipal do BNG leva tempo denunciando deficiencias como parcelas abertas, peches sen repoñer e un muro en risco de derrubamento. A principios deste ano, o deputado Paulo Ríos trasladou tamén ao Parlamento galego a situación das parcelas sen muros de delimitación na contorna do Sequelo
No pleno municipal celebrado o pasado xoves, 10 de setembro, a concelleira do BNG Davinia Lojo preguntou ao goberno local do PP polas deficiencias que continúan afectando ás parcelas situadas na contorna da senda do río Lameira como consecuencia das obras.
A formación nacionalista advirte de que, malia o tempo transcorrido e as reiteradas reclamacións realizadas, aínda non se repuxeron correctamente todos os peches das parcelas afectadas polas obras. Nun dos puntos da actuación, a execución dun novo peche deixou un muro sen o necesario elemento de suxeición, polo que actualmente existe risco de derrube.
Lojo lembra que o grupo municipal do BNG xa advertira hai tempo da situación das parcelas abertas e sen muros de delimitación na contorna do CEIP Sequelo. A principios deste ano, o deputado Paulo Ríos trasladou tamén esta mesma problemática ao Parlamento galego, advertindo das consecuencias na seguridade e na privacidade da veciñanza.
Para a formación nacionalista, esta situación non pode tratarse como un caso illado, senón como unha consecuencia da falta de planificación, seguimento e control das obras por parte do goberno municipal. Aínda que lle corresponde á empresa adxudicataria executar correctamente os traballos e reparar as deficiencias, é responsabilidade do Concello supervisar a actuación e esixir que se resolvan os problemas que afectan á veciñanza.
Na actualidade continúan existindo parcelas abertas, peches sen repoñer e actuacións sen un acabado axeitado. Por este motivo, Davinia Lojo preguntou se o Concello vai esixir á empresa adxudicataria que asuma a súa responsabilidade e repoña en condicións todos os elementos afectados polas obras. En resposta, a alcaldesa, María Ramallo, indicou durante a sesión plenaria que agardaban que a situación quedase resolta ao longo do mes de setembro.
O BNG agarda que esta previsión se cumpra e reclama un calendario claro, así como un seguimento rigoroso das actuacións, para garantir unha solución global ao conxunto da veciñanza afectada despois de meses de deficiencias e atrasos derivados da mala planificación e xestión das obras.

