Prado reclama no Parlamento que a conselleira sexa “valente” e veña ao Salnés para coñecer a situación da represa e reunirse cos colectivos que están denunciando o atentado ambiental que supón a súa construción
A nacionalista exixe á conselleira que ensine os infomes positivos que hai e que diga canto paga Gestauga de canon por captar auga do Umia
A deputada nacionalista Montse Prado esixiu hoxe no Pleno do Parlamento á conselleira de Medio Ambiente que elimine a represa que a empresa Gestauga, encargada de levar auga á illa da Toxa, levantou este verán no río Umia, á altura de Cabanelas. “No Salnés están acesas todas as alarmas”, afirmou. Na tribuna acompañárona representantes de colectivos do Salnés contrarios á represa e cargos do BNG da comarca.
Prado pediulle á conselleira que “sexa valente” e veña ao Salnés a ver “o atentado ambiental que supón” e a reunirse cos colectivos que o denuncian. Tamén que ensine os informes positivos que di que hai e diga canto paga Gestauga de canon por captar auga do Umia.
Segundo a deputada, a represa “empedrou literalmente o Umia, de banda a banda”, con máis de vinte metros de largo, feita a base de terra e pedra, e bloquea por completo o curso natural das augas. Interrompe o caudal ecolóxico mínimo, empoza a auga e favorece a proliferación de cianobacterias tóxicas, impide a subida das especies remontantes e abre a porta á expansión de especies invasoras. Ademais, hai risco de inundacións río arriba, sobre todo en Oubiña, e río abaixo, onde xa houbo que prohibir o baño, o banco marisqueiro de O Sarrido está ameazado polo aumento da salinidade.
“Non nos conte contos, non se trata de ningunha reconstrución”, dixo Prado, lembrando que ata xullo apenas había algunhas pedras no río. Considerou “irracional e incomprensíbel” autorizar esta agresión “para garantir auga gratuíta para uns poucos privilexiados na Illa da Toxa: o campo de golf, chalets, hoteis e negocios privados”, mentres a veciñanza e os negocios do Salnés pagan pola auga.
A deputada recordou que en 2016, cando a mesma empresa intentou construír unha represa menor, o Parlamento, por iniciativa do BNG e por unanimidade, dixo que non. “Que cambiou en dez anos?”, preguntou. Para Prado, “o PP quitou a careta”: “O PP retratouse con Altri e retrátase co empedrado do Umia”.
Prado rematou avisando de que o BNG non parará ata conseguir a demolición: “A veciñanza do Salnés non vai permitir que se sacrifique o Umia para que os VIP da Toxa teñan auga gratis”.

