O Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos pecha a súa edición con 100 persoas participantes e un 58 % de persoas que traballaron durante o programa

Redacción

O Concello destaca o acceso ao emprego de persoas maiores de 50 anos e con discapacidade e agradece o apoio da Xunta de Galicia

O Concello de Mos clausura a presente edición do seu Programa Integrado de Emprego, no que participaron 100 persoas e que permitiu combinar orientación laboral, formación, prácticas en empresas e intermediación para facilitar o acceso ao mercado laboral.

O balance do programa deixa 93 ofertas de emprego tramitadas e 31 persoas que realizaron prácticas non laborais en empresas a través de 11 convenios. Ademais, o 58 % das persoas participantes traballaron ou traballaron nalgún momento durante o desenvolvemento do programa.

Para a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, estes datos reflicten o traballo realizado durante o último ano, pero tamén a importancia de ofrecer un acompañamento próximo ás persoas que buscan unha oportunidade laboral.

“Detrás destes datos hai persoas que fixeron un esforzo importante para formarse, mellorar as súas capacidades e acceder a un emprego. Ese é o sentido deste programa: acompañalas durante ese proceso e poñelas en contacto coas empresas que necesitan incorporar persoal”, sinalou.

A alcaldesa quixo destacar tamén os resultados entre as persoas maiores de 50 anos e as persoas con discapacidade, dous dos colectivos que participaron no programa e nos que se produciron insercións laborais.

O programa do acto incluíu tamén un coloquio dirixido coas empresas participantes, no que compartiron a súa experiencia de colaboración e a súa visión sobre as oportunidades de emprego.

A clausura permitiu recoñecer o esforzo das persoas participantes e agradecer a implicación das entidades de formación Recursos Galicia, Formalar, Global Taining, Lusant Formación  e Folerpa.

O Concello de Mos agradeceu tamén a colaboración das empresas e entidades que ofreceron prácticas, realizaron contratacións ou contribuíron á detección de oportunidades de emprego: Alcampo, Cogami, Integracee, Neumáticos JBS, Peina Mos, Asador Edan, Turyelectro, Vital Trade Gateway S., Colegio Lar, Servilima, FCC Medio Ambiente, Kibuc Ulla, Resigal, Starnaliza, Gdoce, Aemos, Eulen, OPmobility, Adrimial Food, Q8 Energy Red, Sedefri, Asientos De Galicia, Smart Top Services e Serlym.

Máis de 590 horas de accións colectivas

A formación foi outra das liñas de traballo do programa. En total realizáronse 31 accións colectivas, que sumaron 592 horas, ademais de 12 accións formativas do catálogo do SEPE, con 380 horas, e outras 19 accións formativas, con 212 horas.

As actividades formativas estiveron relacionadas con ámbitos como a limpeza, as TIC, a loxística industrial, a hostalaría, os servizos á comunidade e outros perfís demandados polas empresas colaboradoras.

Nidia Arévalo agradeceu o traballo das técnicas responsables do programa, Andrea López, técnica de orientación laboral, e Victoria Lago, educadora social, así como a colaboración das empresas e centros de formación participantes.

A alcaldesa puxo tamén en valor o apoio institucional da Xunta de Galicia, que permitiu ao Concello desenvolver este programa e ofrecer ás persoas participantes orientación, formación e contacto directo co tecido empresarial.

“Para os concellos é importante contar con este apoio, porque nos permite desenvolver programas próximos ás persoas e responder ás necesidades reais do mercado laboral. Quero agradecer á Xunta de Galicia a súa colaboración e tamén ás empresas que abriron as súas portas para ofrecer prácticas e oportunidades de contratación”, apuntou.

O acto de clausura contou coa presenza de representantes da Xunta de Galicia, empresas, centros de formación e entidades colaboradoras. Segundo o balance do programa, 45 das persoas usuarias confirmaron a súa asistencia ao acto.

Comparte este artigo