O BNG logra o apoio do Pleno de Meis á moción que reclama unha AP-9 galega, pública e gratuíta

Redacción

A iniciativa recolle o compromiso do Concello pola liberación completa de peaxes, demanda ao goberno da Xunta que deixe de “boicotear” a transferencia da autoestrada a Galiza e insta ao Goberno central a revisar de oficio e anular a prórroga ilegal de 25 anos da concesión, aprobada polo goberno Aznar do PP.

O portavoz do BNG, Xoán Manuel Vázquez, desmontou os argumentos do PP para rexeitar a transferencia, recalcando que o acordo aprobado no Congreso ofrece máis garantías que o texto orixinal do Parlamento galego, ao incluír unha cláusula que determina que todas as consecuencias, financeiras ou xurídicas, serán asumidas única e exclusivamente polo Goberno central. Cláusula que tamén figura no informe xurídico do Senado.

A moción pide que o Estado revise de oficio e anule a prórroga que estendeu o contrato con Audasa até 2048. Vázquez subliñou que, de non ser pola ilegalidade cometida polo PP, a autoestrada sería gratuíta desde o 18 de agosto de 2023, e que todo o diñeiro que as veciñas e  veciños de Meis levan gastado desde entón nos peaxes son por culpa do PP, en beneficio dunha empresa amiga.

Por último, lembroulle ao PP a ameaza de Vox no Congreso de eliminar as bonificacións conseguidas polo BNG, e preguntoulles se  esa non será a razón pola que rexeitan unha transferencia que beneficia a todas as persoas de Meis,  para favorecer un acordo con Vox en Madrid.

Comparte este artigo