O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, destacou hoxe na inauguración desta xornada en Riós, a importancia de establecer unha relación áxil entre pequenos produtores, a industria e os propietarios para afrontar os retos do sector
O encontro reúne durante dúas xornadas a expertos, profesionais e colectivos para abordar a sanidade forestal, a innovación, a madeira e a práctica no campo
A Deputación de Ourense, a través do Inorde, organiza xunto coa colaboración da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a quinta edición do Foro da Castaña co obxectivo de reforzar a comunicación e a formación entre os axentes que actúan na cadea deste sector. A inauguración da xornada, hoxe en Riós, correu a cargo do presidente do Inorde, Rosendo Fernández, da directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, María Luísa Piñeiro Arcos, e da tenente de alcaldesa do Riós, Laura Calvo.
O presidente do Inorde explicou que a finalidade principal do foro é “establecer unha comunicación áxil entre todos os axentes implicados na cadea: dende o pequeno produtor ata a industria e os propietarios”, subliñando que todos eles son pezas clave no desenvolvemento do sector.
Así mesmo, Rosendo destacou o acaído que resulta organizar este foro tendo en conta a importancia que ten a formación continua como “eixe fundamental en calquera actividade que se prece para estar actualizados”. Unha actualización que, no caso da castaña, resulta indispensable para dar resposta aos desafíos actuais do medio rural e da produción forestal.
Avances na sanidade forestal e na xestión conxunta
Pola súa banda, a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal puxo o foco nas liñas de traballo para protexer a sanidade dos soutos fronte ao cambio climático e ás enfermidades. Destacou que a Xunta xa ten aplicado máis de 184.000 inoculacións de cepas hipovirulentas para combater o cancro do castiñeiro e que se está a elaborar un mapa de distribución de cepas en colaboración coa Estación Fitopatolóxica Areeiro.
Así mesmo, Piñeiro salientou o éxito do modelo das Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta como ferramenta clave para combater o abandono do monte e que está a permitir recuperar máis de 300 hectáreas de soutos tradicionais en varios concellos galegos (entre eles en Ourense en O Bolo e Parada de Sil), subliñando o seu valor histórico, ambiental e o seu papel como barreira natural contra os incendios.
Unha programación teórico, técnica e de campo
No primeiro dos relatorios técnicos da mañá, centrado na loita contra os repuntes da avespiña, expúxose un decálogo de modificación de técnicas de cultivo para evitar o estrés combinado da praga coa seca. Entre as principais conclusións prácticas para os produtores recomendouse: o uso de fertilizantes foliares tras a apertura das xemas, evitar usar insecticidas convencionais, non queimar restos de poda nin retirar ramas secas, conservar e manter carballos preto dos castiñeiros para favorecer a presenza de parasitoides autóctonos e aplicar regas durante o verán.
A xornada continúa abordando cuestións de gran interese para o sector como son: a presenza dos castiñeiros no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, a innovación alimentaria a partir de ingredientes funcionais da castaña, a domesticación e o seu impacto na IXP, así como o uso comercial da madeira e o proxecto CHESTNUTCARE fronte aos desafíos climáticos. O programa de hoxe pecharase cun showcooking de sobremesas tradicionais con castaña a cargo da chef Begoña Vázquez.
Mañá, sábado 3 de outubro, o foro trasladará a súa actividade ao campo coa visita en Manzaneda ás instalacións da Sociedade Cooperativa Galega Amarelante e o castiñeiro de Pumbariños no Souto de Rozavales. A xornada finalizará cunha demostración no terreo sobre a recollida mecanizada da castaña en colaboración coa Asociación Galega da Castaña e dos Soutos.

