Co arranque do outubro, o Concello de Neda despedía a tempada estival, pechando a Oficina de turismo ata o ano que vén. Durante o verán achegáronse ao punto de recepción de visitantes, situado xunto ao albergue de peregrinos do Camiño Inglés, un total de 2.708 persoas, a gran maioría romeiros e romeiras, que optaron ademais por facer noite no citado aloxamento da rede pública do Xacobeo.
Neda contou, un ano máis, coa axuda da Deputación da Coruña para dotarse de persoal de turismo especializado durante toda a tempada alta. E isto permitiu que no período de maior actividade na ruta de peregrinación (do 1 de xuño ao 30 de setembro) a localidade puidera abrir a diario a oficina de turismo municipal, que asumiu ademais a tarefa de coordinación do albergue.
Durante este verán, pasaron polo punto de información turística un total de 2.726 persoas. Agosto, con máis de 927 visitantes foi, como sempre, o mes máis concorrido, seguido polo de setembro (736) que medra ano a ano, collendo distancia sobre xullo (546).
Dada a localización da oficina, práctica totalidade das persoas atendidas foron peregrinos e peregrinas, e un amplo porcentaxe- ao redor do 65%- decidiu acabar a primeira etapa do Camiño Inglés en Neda.
Así, a instalación turística da localidade recibiu este verán a 1.770 hóspedes, colgando en repetidas ocasións- especialmente en agosto- o cartel de completo. O de Neda volveu ser o primeiro albergue do Camiño tras pechar, en pleno mes de agosto, a Xunta as portas do de Ferrol.
Pasaron pola caseta de turismo de Neda persoas de máis de 60 nacionalidades. O 44,8 % foron españolas. Un dato curioso, contabilizáronse máis visitas de madrileños, cataláns e andaluces que de galegos. Con todo, a teor dos rexistros nedenses, os maiores fans do Camiño Inglés son os italianos (432).
As principais consultas atendidas tiveron que ver coa ruta de peregrinación (distancias de etapas, horarios dos albergues…) cos recursos que visitar durante a estancia en Neda (fervenza e miradoiro de Ancos…), curiosidades sobre o pan de Neda que moitos querían probar, e información de servizos (por exemplo, o horarios de misas).

