A XXI Semana de Cine de Cangas reuniu este martes ao alumnado no Auditorio Municipal en dúas sesións de Pequena Amélie, unha das películas de animación máis recoñecidas da tempada
A xornada completouse coa noite de Galicia en Curta e abre unha recta final con tres películas ata o venres 9 de outubro
Máis de 250 nenos e nenas do CEIP San Roque, CPR Eduardo Pondal, CEIP do Hío e CPR Casa de la Virgen cambiaron este martes as aulas polas butacas do Auditorio Municipal de Cangas para descubrir e compartir o cinema na gran pantalla. Fixérono da man de Pequena Amélie, protagonista este ano de Escolas ao Cine, a iniciativa coa que Cinemas Ocultos – XXI Semana de Cine de Cangas achega a experiencia cinematográfica ás novas xeracións.
O Auditorio acolleu dúas sesións, ás 10.00 e ás 12.00 horas, desta película francesa de animación dirixida por Mailys Vallade e Liane-Cho Han Jin Kuang e baseada na obra da escritora Amélie Nothomb.
A historia de Amélie, unha nena belga nacida en Xapón que comeza a descubrir o mundo acompañada pola súa coidadora Nishio-san, serviu para introducir o público escolar nunha das propostas de animación máis destacadas da tempada. Pequena Amélie conta cun importante percorrido internacional e figura entre as producións recoñecidas nas candidaturas dos Óscar, Globos de Ouro, BAFTA e premios César.
Da escola á sala de cinema
Con Escolas ao Cine, o Cineclub Cangas mantén unha das liñas de traballo que acompañan desde hai anos a Semana de Cine: contribuír á creación de novos públicos e facer que os nenos e nenas se familiaricen desde pequenos coa experiencia de ver unha película nunha sala.
A iniciativa cobra especial significado nun contexto no que boa parte do consumo audiovisual se realiza de maneira individual e a través de dispositivos persoais. Fronte a ese modelo, Cinemas Ocultos propón ao alumnado parar, sentarse nunha butaca e compartir unha historia con centos de espectadores diante dunha mesma pantalla.
Esta filosofía conecta tamén co lema desta XXI edición, «Celebracións», que reivindica o cinema non só a través das películas, senón tamén como espazo de encontro, descubrimento e experiencia colectiva.
Do público máis novo ás novas miradas do cinema galego
A intensa xornada deste martes continuou ás 21.00 horas cunha nova edición de Galicia en Curta, o espazo que Cinemas Ocultos dedica especificamente ao formato curto e á creación audiovisual galega.
A sesión reuniu seis propostas recentes: Brom Brom Follar, Algo novo que contar, Afeminadas, O corpo de Cristo, Cara de cona e Boca de asno.
Deste xeito, nunha mesma xornada, Cinemas Ocultos levou á pantalla dous dos compromisos que forman parte da identidade da Semana de Cine: crear novos públicos e ofrecer espazo e visibilidade ao audiovisual feito en Galicia.
Tres noites para completar Cinemas Ocultos 2026
Tras a xornada do martes, Cinemas Ocultos entra na súa recta final con tres películas e tres noites de cinema, sempre ás 21.00 horas no Auditorio Municipal de Cangas.
O mércores 7 de outubro será a quenda de Dous días, de Gonzaga Manso, Premio do Público no Festival de Málaga 2026. O filme segue a José Antonio, un home de 89 anos que está a perder a memoria pero se resiste a depender dos demais. Contra a opinión da súa familia, convence o seu amigo Mindo para volver saír a pescar nunha chalana. A falta de gasolina, a noite e a néboa acabarán deixándoos á deriva no medio do mar.
O xoves 8 chegará Un mundo fráxil e marabilloso (A Sad and Beautiful World), do cineasta libanés Cyril Aris. A través da relación entre Nino e Yasmina ao longo de tres décadas, a película percorre unha historia marcada polo amor, o desamor, a esperanza e unha decisión que atravesa as súas vidas: quedar en Beirut ou marchar para sobrevivir. O filme chega a Cangas tras sumar varios premios do público no seu percorrido por festivais internacionais, entre eles a Seminci e o D’A Festival de Cinema de Barcelona.
O peche chegará o venres 9 de outubro con Así chegou a noite, de Ángel Santos. Ambientada nunha afastada zona rural da costa galega, a película segue a un escultor que se illa progresivamente da súa contorna ata que a aparición dun antigo amor o obriga a enfrontarse ao seu desexo de afastarse dos demais e á necesidade dunha nova fuxida.
Con esta última proxección, Cinemas Ocultos porá fin a oito días de cinema galego, estatal e internacional nos que o Cineclub Cangas volveu facer do Auditorio Municipal un lugar para descubrir películas, atoparse e compartir a experiencia da gran pantalla.

