- – A iniciativa Coidar aos que coidan chega á capital pontevedresa tras contar onte con 23 asistentes no edificio multiusos morañés, que acolleu obradoiros de autocoidados, prevención de caídas, nutrición e exercicio adaptado
- – As enfermeiras da Área Sanitaria Alba Guerrero e María Teresa Villanueva e o enfermeiro Antonio Sobral espuxeron a iniciativa hoxe no Consistorio, xunto coa concelleira municipal de Benestar Social, Anabel Gulías
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e o Concello de Pontevedra presentaron conxúntamente hoxe na casa consistorial capitalina unha nova edición do programa formativo e de saúde ConCoidado, unha iniciativa deseñada para ofrecer ferramentas prácticas, apoio continuo e orientación especializada ás persoas que teñen ao seu cargo o coidado de familiares ou achegados en situación de dependencia. O acto contou coas intervencións da concelleira municipal de Benestar Social Anabel Gulías, das enfermeiras da Área Sanitaria Alba Guerrero e María Teresa Villanueva e do enfermeiro Antonio Sobral.
A chegada deste programa a Pontevedra prodúcese tras a boa acollida rexistrada onte no edificio multiusos de Moraña, onde a primeira edición desta iniciativa contou con 23 asistentes. Baixo a premisa de Coidar aos que coidan, esta actividade gratuíta nace para dar resposta ás esixencias diarias e ao desgaste físico e emocional que implica a atención continuada desde os propios centros de saúde. A finalidade do programa ConCoidado busca dotar aos participantes de competencias que melloren directamente a calidade de vida dos pacientes e, ao mesmo tempo, preserven o benestar e a súa propia saúde coma coidadores.
Abordaxe integral para o día a día na asistencia domiciliaria
A través dunha metodoloxía práctica e participativa, o itinerario formativo de ConCoidado afonda en materias fundamentais para a asistencia no entorno familiar. Entre os contidos previstos, os obradoiros abordan estratexias de autocoidado para o propio coidador, técnicas para a atención específica da pel e o manexo da incontinencia, así como pautas para a prevención da aparición de úlceras.
Así mesmo, a programación inclúe un bloque adicado á actividade física mediante exercicios dinámicos de forza, ademais da aprendizaxe de nocións básicas en primeiros auxilios, recomendacións sobre a prevención de caídas, o uso axeitado dos dispositivos de apoio, pautas para unha alimentación saudable e medidas de seguridade no fogar.
Coa extensión deste proxecto á capital da provincia, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e o Concello de Pontevedra reforzan a súa colaboración para ofrecer un recurso formativo e de apoio comunitario esencial para as familias con persoas dependentes ao seu cargo.

