Román Rodríguez salienta o aumento da matrícula de FP na provincia de Pontevedra, que concentra máis de 27.600 estudantes, un 5,64% máis que o curso pasado

Redacción
  • O conselleiro de Educación, acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, visita o Centro Integrado de FP Montecelo que, tras converterse en CIFP no curso 2023/24, destaca na FP de grao básico e nas ensinanzas da familia de Sanidade
  • O maior crecemento de matrícula na modalidade de FP Básica dentro da provincia dáse na área de Pontevedra e, precisamente este centro, concentra case o 20% do alumnado nesta ensinanza
  • O CIFP Montecelo é tamén un referente da rama de Sanidade, a familia que concentra máis estudantes de FP en Galicia, posto que máis da metade dos seus alumnos están matriculados en diferentes ciclos vinculados con esta ensinanzas

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, salienta o crecemento da matrícula de Formación Profesional na provincia de Pontevedra, que concentra un total de 27.642 persoas matriculadas este curso, o que representa un 5,64% máis que o curso pasado. Segundo explicou o conselleiro nunha visita ao Centro Integrado de FP Montecelo, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, tanto a provincia como a cidade de Pontevedra “seguen a senda alcista de matrícula que se está a dar en toda Galicia e en todas as modalidades formativas”.

O titular de Educación do Goberno galego aproveitou a visita ao centro para agradecer o labor que está desenvolvendo o Montecelo que, tras a súa conversión en CIFP no curso 2023/24, converteuse no terceiro deste tipo na cidade de Pontevedra e destaca, especialmente, nas ensinanzas de FP de grao Básico e na familia profesional de Sanidade.

De feito, preto do 20% do alumnado deste centro cursa algunha modalidade de FP Básica, unha ensinanza que promove a permanencia no sistema educativo e a loita contra o abandono temperá. Se abrimos o prisma, a área de Pontevedra é na que máis crece o grao básico dentro da provincia, en concreto un 5,30% máis con respecto ao curso pasado.

Así mesmo, este centro é hoxe un referente das ensinanzas sanitarias na cidade do Lérez, posto que dos seus 626 matriculados este curso, máis da metade, 357 concretamente, fano nos distintos ciclos desta familia como son Farmacia e parafarmacia, Anatomía patolóxica e citodiagnóstico e Emerxencias Sanitarias.

A este respecto, Román Rodríguez lembrou que a familia de Sanidade lidera de novo a matrícula en Galicia ao aglutinar un total de 11.508 estudantes, o que implica un crecemento do 8,53% con respecto ao curso pasado. “Se ben non é a rama que máis sube, si que é a que concentra o maior número de alumnos en termos absolutos”.

Provincia con maior incremento no grao superior

A maiores de ter un crecemento notable na área de Pontevedra no caso do grao básico, tamén cómpre destacar que a propia provincia de Pontevedra é a que acada o maior  incremento de matrícula no grao superior, un 8,82% máis con respecto ao curso pasado, ata chegar ás 15.282 persoas matriculadas.

Atendendo ás áreas territoriais da provincia, a de Vigo aglutina 19.907 matriculados (un 6,53% máis), seguida da de Pontevedra con 4.861 persoas (3,91% máis), o Salnés con 2.158 (2,91% máis) e Deza-Tabeirós-Terra de Montes con 716 (1,56% máis).

O conselleiro subliñou que estes datos son o froito dun intenso traballo ao longo dos últimos anos, sustentado “na aposta firme da Xunta de Galicia pola calidade, a tecnificación, a innovación e a especialización”. Tamén agradeceu o compromiso por parte das empresas, “que confían na FP, e o traballo rigoroso e profesional dos centros educativos cos seus docentes e equipos directivos á cabeza”, remarcou.

Récord de matrícula e crecemento en todas as modalidades

As ensinanzas de FP en Galicia volveron acadar este 2026/27 un novo récord histórico de matrículas con 75.383 estudantes, case un 6% máis que o pasado curso. O aumento tamén é xeneralizado en todas as modalidades formativas, sendo as ensinanzas de grao superior as que concentran o maior número de estudantes, con 41.718 matriculados en toda Galicia, cun crecemento do 6,88%. No grao medio hai 27.732 matriculadas (5,42% máis) e un total de 5.933 matriculados no grao básico (un aumento do 0,75%).

A matrícula medra de forma xeneralizada en todas as provincias e en todas as áreas, sendo a provincia de Ourense a que rexistra unha porcentaxe máis elevada de crecemento. Así pois, Ourense acada as 7.053 persoas na FP (+7,43%), Lugo conta con 7.774 matrículas (+6,76), Pontevedra con 27.642 (+5,64%) e A Coruña rexistra 32.914 matriculados (+5,44%). Na variable rural-urbano, destaca o eido rural cun incremento de matrícula do 7,41% ata acadar as 8.716 persoas (601 máis) estudando algún ciclo. As zonas urbanas rexistran un crecemento do 5,63%, con 66.667 matrículas, 3.553 máis.

No que atinxe ás familias profesionais, das 26 que se poden cursar en Galicia, a matrícula medra en 20 delas. As subas máis salientables son as de Seguridade e medio ambiente (+37,42%), Instalación e mantemento (19,25%), Agraria (+11,98%), Química (+11,96%), Actividades físicas e deportivas (+11,21%) e Edificación e obra civil (+10,37%).

Tamén é salientable a suba este curso da FP Acelerada, unha vía formativa exclusiva de Galicia que arrancou como proxecto piloto o curso pasado e que ofrece a posibilidade de concentrar a formación en tres ou catro meses. Multiplica por case tres o crecemento de matriculados, ao acadar as 437 persoas fronte ás 162 do pasado curso. Outra das subas máis significativas dáse na FP Básica para Adultos, dirixida á recualificación de persoas que no seu día abandonaron os estudos e precisan formarse de novo, que medra un 119% con 193 matriculados, fronte aos 88 do curso 2025/26.

Pola súa banda, sigue afianzándose a FP Dual Intensiva, que combina formación con traballo en empresa, con 5.492 matriculados, un 18,62% máis que o curso pasado e multiplica por dous a matrícula nos últimos catro anos. Os títulos de alta especialización acadan as 746 matrículas, un 16,74% máis; e os másteres de FP aumentan un 4,63%.

Comparte este artigo