- Augas de Galicia, xunto con entidades doutros sete países europeos, participa en representación de España nesta iniciativa europea, concibida para reforzar a adaptación das cidades e concas fluviais a fenómenos meteorolóxicos adversos
- Roi Fernández expón as principais claves da estratexia galega para previr, mitigar e facer fronte a eventuais episodios de asolagamento na demarcación Galicia-Costa
- Destaca o actual sistema de alerta temperá ante o risco de inundacións, o reforzo das actuacións de conservación continuadas nos ríos de competencia autonómica e os traballos para reducir o impacto e garantir a volta á normalidade tras unha inundación
Galicia e outras sete rexións europeas intercambian sinerxías e experiencias no marco do proxecto Resurexion co obxectivo de reforzar a capacidade de adaptación dos seus respectivos territorios e concas fluviais a fenómenos meteorolóxicos extremos, como as inundacións ou os episodios de seca.
Por parte e en representación da Xunta, o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, participa desde onte no encontro de seguimento da iniciativa, financiada polo programa Interreg Europe e que reunirá ata mañá na cidade belga de Antwerp a representantes dos oito países socios do proxecto: España (con Augas como única entidade participante), Países Baixos, Portugal, Bélxica, Finlandia, Dinamarca, Moldavia e Austria.
Cunha duración de catro anos (2025-2029) e un orzamento total de 2,4 millóns de euros —con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder)—, Resurexion celebra este ano a terceira reunión interrexional de socios desde a súa posta en marcha co obxectivo de facilitar o intercambio de casos prácticos e experiencias en materia de planificación hidrolóxica fronte aos efectos do quecemento global.
Neste sentido, Roi Fernández aproveitou a súa participación nas mesas de traballo para expoñer as principais claves da estratexia desenvolvida pola Xunta para previr, mitigar e facer fronte aos efectos de eventuais episodios de asolagamento na demarcación Galicia-Costa, de competencia autonómica.
Tal e como explicou, Galicia conta cunha extensa rede fluvial —máis de 30.000 km— que constitúe un elemento esencial para o funcionamento do territorio, tanto desde o punto de vista ambiental como socioeconómico. Os ríos desempeñan un papel clave na regulación do ciclo da auga, na protección da biodiversidade e na seguridade das persoas e dos bens materiais, especialmente fronte a episodios de choivas intensas e inundacións.
Por iso, no contexto actual de cambio climático e ante o incremento da frecuencia dos episodios extremos, compartiu co resto de socios a política continuada de conservación fluvial que desenvolve Augas de Galicia fóra das tramas urbanas dos ríos, así como as demais actuacións dirixidas a avanzar no coñecemento do territorio, nas ferramentas de planificación e nas infraestruturas asociadas ás canles fluviais.
Todas estas medidas enmárcanse na estratexia integral da Xunta para mellorar o comportamento dos ríos de competencia autonómica en caso de chuvias intensas e reducir o impacto de posibles enchentes, que inclúe accións, obras e medidas que en conxunto suman un investimento superior aos 65 millóns nos próximos cinco anos.
Plan de inundacións Galicia-Costa
Co Plan de Xestión do Risco de Inundacións da Demarcación Galicia-Costa como instrumento de referencia, o director de Augas de Galicia explicou que esta planificación se estrutura arredor de tres eixos fundamentais: prevención e información á cidadanía, actuacións no territorio para mitigar o impacto dos episodios extremos e recuperación ou intervención despois das inundacións.
En materia preventiva, referiuse ao sistema de alerta temperá Merlin, unha ferramenta punteira para a predición do risco de inundacións dentro da conca de Galicia-Costa e co fin de minimizar o impacto das choivas abundantes, ademais dos labores habituais de mantemento e conservación nos ríos, destacou a aposta da Xunta pola creación de zonas de inundación controlada en contornas urbanas, concibidas para reter a auga durante episodios de precipitacións intensas, reducindo así os danos na contorna.
En canto ao terceiro eixo, Fernández referiuse tamén á importancia dos traballos para garantir a volta á normalidade tras un episodio de inundación, recorrendo a mecanismos de avaliación de danos, restauración ecolóxica nas zonas máis afectadas e apoio técnico aos concellos para desenvolver accións na súa área de influencia.
Ademais, cómpre lembrar que a Xunta avanza tamén nos traballos previos á elaboración do novo Plan de Xestión do Risco Inundación para o ciclo 2028-2033, que incorporará solucións baseadas na natureza fronte ás estratexias tradicionais anteriores.

