O Concello de Mos convoca unha reunión informativa sobre a liña eléctrica de 220 kV

Redacción

A xuntanza terá lugar este venres, ás 20:00 horas, no Multiusos das Pozas, e contará con asesoramento técnico especializado contratado polo Concello para informar sobre as afeccións do proxecto e a presentación de alegacións

O Concello de Mos convoca este venres unha reunión aberta á veciñanza para abordar o proxecto da nova liña eléctrica de 220 kV e a futura subestación Bateas, que afectan ao termo municipal.

A xuntanza celebrarase ás 20:00 horas no Multiusos das Pozas e permitirá coñecer con detalle as afeccións previstas no municipio e resolver dúbidas sobre o procedemento de información pública.

Para facilitar este proceso, o Concello de Mos contratou unha empresa especializada para prestar asesoramento técnico en materia ambiental sobre os proxectos da liña eléctrica e da nova subestación Bateas.

O asesoramento estará orientado tamén a explicar á veciñanza como presentar alegacións e que cuestións poden ser tidas en conta á hora de defender os intereses das persoas afectadas.

O Concello de Mos quere deixar claro que non se opón á chegada da infraestrutura eléctrica nin ás necesidades enerxéticas vinculadas ao desenvolvemento industrial, pero reclama que o municipio e as persoas afectadas sexan escoitados e que se estuden alternativas ao trazado actualmente previsto. O obxectivo é buscar unha solución que permita atender a estas necesidades reducindo ao máximo as afeccións sobre o territorio, as vivendas, os equipamentos e as parroquias afectadas, que son Tameiga, Petelos, Sanguiñeda e Pereiras.

Entre as propostas municipais está o aproveitamento, na medida do posible, de corredores e infraestruturas viarias xa existentes.

O Concello de Mos anima especialmente ás persoas propietarias e veciñas das zonas afectadas a acudir á reunión e coñecer de primeira man o proxecto e as posibilidades de presentar alegacións dentro do prazo de información pública.

Comparte este artigo