Arranca a instalación da nova pump truck que haberá na Barriada Virxe do Carme

Redacción

Esta mellora do espazo forma parte da obra de mellora hidráulica do Río Lameira, que permitiu liberar o seu cauce do antigo colector e crear unha gran senda verde fluvial, cunha inversión de máis de 3 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia

A Barriada Virxe do Carme contará cunha nova zona natural de ocio, aproveitando as obras de renovación do colector do Río Lameira, poñendo en valor a contorna e dando novas opcións para o desfrute da mocidade.

Ademais da gran senda verde fluvial, que xa percorren día a día centos de persoas e que conecta a zona do Coirados co centro urbano. Agora, séguese traballando neste proxecto, financiado e executado ao 100% pola Xunta de Galicia, cunha inversión superior aos 3 millóns de euros.

Pump truck e novos usos

Nese contexto, arrancou a instalación da nova pista de pump truck que terá a nova área de lecer, que se crea aproveitando a explanada superior da zona do tanque de tormentas e na que tamén haberá elementos de descanso e pérgolas con sombra.
“Con esta nova dotación de equipamento lúdico e deportivo, mantemos a natureza dunha zona verde, pero uníndoa con deporte e con ocio xuvenil”, explicou a alcaldesa, María Ramallo, que considera esta obra como unha actuación clave, coa que “conseguimos varios fitos á vez: melloramos o saneamento nesta zona, recuperamos o río Lameira a nivel ambiental e habilitamos novos espazos en lugares que ata agora aínda tiñan máis que ofrecer”.

Comparte este artigo