Marín denuncia roubos reiterados de preto de 800 metros de cable do alumeado público

Redacción

As subtraccións afectan ao Calexón do Inferniño, á Estrada da Raña e ao Camiño de Raposeiras. O Concello presentou catro denuncias e pide colaboración cidadá mentres estuda a reposición do servizo con medidas de protección

O Concello de Marín vén de presentar catro denuncias ante a Policía Nacional polos roubos reiterados de cable do alumeado público municipal detectados durante os últimos 20 días na contorna do Calexón do Inferniño, a Estrada da Raña e o Camiño de Raposeiras.

As subtraccións, que se produciron de maneira continua e reiterada, afectan a preto de 800 metros de cable. Na Estrada da Raña, a zona afectada abrangue o tramo comprendido entre o cemiterio e a piscina municipal.

Estes roubos prexudican o funcionamento dun servizo público esencial e provocan problemas de iluminación nas vías afectadas, co conseguinte trastorno para a veciñanza.

Denuncias e dispositivos de vixilancia nocturna

Ademais das denuncias interpostas ante a Policía Nacional, a Policía Local está a colaborar nas actuacións, con dispositivos de vixilancia nocturna na contorna afectada.

O Concello solicita tamén a colaboración cidadá e pide que calquera persoa que observe movementos ou comportamentos sospeitosos relacionados coas instalacións do alumeado público o poña en coñecemento da Policía. A información que poida achegar a veciñanza pode resultar útil para esclarecer os feitos e evitar novas subtraccións.

Reposición do alumeado e protección da instalación

Os servizos municipais están a estudar a forma de repoñer o alumeado á maior brevidade posible, incorporando algunha protección ou elemento que dificulte ao máximo que o cable poida volver ser subtraído.

O obxectivo é recuperar o servizo nas zonas afectadas e reforzar a protección da instalación fronte a novos roubos. Desde o Concello agradécese a colaboración da veciñanza para contribuír ao coidado das infraestruturas públicas.

Comparte este artigo