FADEMUR e a Deputación xuntan mulleres líderes para celebrar o Día Internacional das Mulleres Rurais

Redacción
  • A institución provincial colabora na xornada que a maior organización de mulleres rurais de Galicia levará a cabo este xoves no Pazo de Feiras, na que conmemorará os seus vinte anos

-Asistirán unhas mil mulleres para escoitar a Valedora do Pobo e referentes como a xerente de Embutidos Suarna, Mª Carmen Sánchez; a sindicalista Montse Cortiñas e a responsable comercial de produtos frescos de Vegalsa-Eroski, Raquel García
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e a presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR), Verónica Marcos, asinaron o venres un convenio de colaboración para o encontro que o colectivo levará a cabo con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais, o vindeiro 15 de outubro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.
A xornada reunirá a preto de 1.000 mulleres baixo o lema Mulleres rurais: liderado, xustiza e dereitos. O encontro coincide co 20º aniversario de FADEMUR Galicia e co Ano Internacional da Muller Agricultora. Comezará ás 11:00 horas coa apertura a cargo da presidenta de FADEMUR Galicia; o secretario xeral de Unións Agrarias UPA, Roberto García; a presidenta estatal de FADEMUR, Teresa López, e a presidenta da Deputación de Lugo. A continuación proxectarase o vídeo 20 anos, poñendo as mulleres rurais no foco, e a Valedora do Pobo de Galicia, María Dolores Fernández Galiño, pronunciará a conferencia inaugural.
A xornada continuará coa mesa redonda Liderado, mulleres e medio rural en primeiro plano. Participarán Montse Cortiñas, vicesecretaria xeral da Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA); M.ª Carmen Sánchez Iravedra, xerente de Embutidos Suarna, empresa de elaboración artesanal de embutidos situada en Navia de Suarna, e Raquel García, responsable comercial de produtos frescos de Vegalsa-Eroski.
Tres referentes femininos da cadea agroalimentaria
FADEMUR quixo reunir as voces de mulleres que desenvolven o seu labor en distintos ámbitos da cadea agroalimentaria, desde a representación sindical ata a transformación e a comercialización dos produtos.
Cortiñas, natural de Chantada, ocupa un posto destacado no sindicalismo agrario estatal e é a muller que desempeña o cargo de maior rango nas organizacións agrarias en España. M.ª Carmen Sánchez Iravedra está á fronte de Embutidos Suarna, unha empresa familiar de Navia de Suarna dedicada á elaboración artesanal de produtos cárnicos, que compaxina coa xestión dun supermercado na localidade. Tras o falecemento do seu marido, asumiu a dirección dos negocios, que manteñen actividade económica e emprego feminino no rural.
Pola súa banda, Raquel García traballa na área comercial de produtos frescos de Vegalsa-Eroski, desde a que participa na conexión entre os produtores e a distribución alimentaria.
Recoñecementos a varias mulleres, regueifas e etnoteatro da Costa da Morte
A xornada tamén servirá para recoñecer o labor que levan a cabo distintas mulleres e contará con música e teatro, igualmente con nomes femininos. A regueifeira de Bergantiños Lupe Blanco actuará a última hora da mañá. É unha improvisadora que a través do proxecto Regueifandopolavida, nas redes sociais, conseguiu dar visibilidade a esta arte en toda Galicia e leva participado en festivais de dentro e de fóra de España.
Tras unha degustación de produtos da terra, volverá a haber música, coas pandereteiras de A Volta do Agro, e unha representación do grupo Teté Teatro, agrupació da Costa da Morte. Está integrada por Teresa, Sara e Caridad, veciñas de Salto (Vimianzo), coñecidas como embaixadoras do etnoteatro.
Ademais, máis dunha vintena de mulleres expoñerán produtos de artesanía e de agroalimentación, para dar a coñecer os seus traballos, compartir experiencias e establecer contactos entre iniciativas do medio rural.
FADEMUR-Galicia agrupa a unhas cen asociacións de mulleres rurais en toda a comunidade. A súa misión é promover a igualdade, o progreso e o empoderamento das mulleres do medio rural, ofrecendo apoio e acompañamento en ámbitos sociolaborais, educativos e sociais, así como fomentando a súa participación na vida comunitaria e na toma de decisións.

Comparte este artigo