O PSdeG-PSOE acusa a Castaño de manipular a verdade e anuncia un recurso ante o Supremo contra o acordo do Tribunal de Contas

Redacción

Alberto García sostén que o alcalde intenta desviar a atención da súa xestión económica e advirte de que deberá dar explicación ante a Xustiza moi pronto

O PSdeG-PSOE de Catoira considera gravísimas, irresponsables e profundamente manipuladoras as declaracións do alcalde, Xoán Castaño, tentando reavivar unha polémica xa aclarada pola Xusticia O señor Castaño insiste en sementar dúbidas sobre as asignacións percibidas por Alberto García trala súa xubilación, cando o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Vilagarcía acordou o 3 de abril de 2023 o sobresemento e arquivo da causa, ao non atopar indicio algún de delito nin irregularidade na denuncia presentada polo propio Castaño no ano 2019. Alberto García adiante que o acordo do Tribunal de Contas ao que agora se agarra Castaño será recorrido ante o Tribunal Supremo por considerar que contén imporantes incorreccións e interpretacións erróneas dos feitos. Neste sentido, Alberto García advirte a Castaño de que será el quen teña que dar explicacións non tribunais moi pronto pola súa nefasta xestión económica ao fronto do Concello de Catoira.

Unha incongruencia política e xurídica evidente

Resulta especialmente grave que quen votou a favor das asignacións —o propio Xoán Castaño— na sesión constitutiva da Corporación do 20 de xuño de 2017, utilice agora ese mesmo acordo como arma de ataque persoal. A incongruencia é evidente: aprobar en 2017 o que decidiu criminalizar en 2019, arrastrando ao Concello a un procedemento penal absolutamente innecesario, actuando con mala fe e provocando custos evitables para as arcas municipais.

 

Informes técnicos que avalan a inexistencia de delito

Durante a instrución, o xulgado incorporou informes da Inspección Provincial de Traballo, da Seguridade Social e do Servizo Xurídico Delegado Provincial, coincidindo todos nun punto esencial: non existe indicio de delito nin incompatibilidade acreditada, pola Inspección de Traballo.

O xulgado requiriu aclaracións en varias ocasións e sempre obtivo a mesma resposta técnica: non hai irregularidade algunha nin incompatibilidade.

Sobre os 15.600 euros: a verdade fronte ao bulo

É falso que Alberto García tivera que devolver 15.600 euros, como afirma o señor Castaño. A realidade é clara: esa cantidade foi depositada como garantía, a resultas dunha resolución do Tribunal de Contas, non como devolución de retribucións indebidas.

Entre setembro de 2018 e xuño de 2019, Alberto García percibiu 75 euros por día por asistencias ao Concello, aprobadas polo pleno sen ningún voto en contra, incluído o voto favorable do señor Castaño.

Ademais, Alberto García xubílase voluntariamente aos 65 anos (no 2028), deixando de cobrar do Concello para evitar un gasto innecesario, a pesar de que legalmente podía seguir percibindo a súa retribución municipal. Grazas a esa decisión, o Concello aforrou preto de 200.000 euros durante os cinco anos nos que exerceu como alcalde estando xubilado sen cobrar un só euro do Concello.

O contraste coa situación actual

Pola contra, o señor Castaño, con 68 anos, mantén unha dedicación exclusiva e un salario con cargo ao Concello, cando podería estar xubilado e cobrando da Seguridade Social. Esta decisión supón para Catoira máis de 150.000 euros de gasto nestes tres anos, sen que exista xustificación en termos de xestión ou resultados.

Un alcalde sen xestión e con graves consecuencias para Catoira

A incapacidade política e administrativa do señor Castaño provocou:

  • Perdas millonarias de subvencións.
  • Deterioro dos servizos municipais.
  • Incremento dos impostos locais.
  • A anulación en pleno dereito dos orzamentos de 2024 e 2025 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, os únicos elaborados polo actual alcalde.
  • Liquidación do orzamento de 2025 cun remanente de Tesorería negativo de 902.684,50 e 1.740.801,26 euros de dudoso cobro, que suman máis que o orzamento

Esta situación coloca a Catoira nun escenario económico de extrema gravidade, deixando o municipio ás portas dunha posible intervención por parte do Ministerio de Facenda.

Conclusión

O PSdeG-PSOE de Catoira esixe ao alcalde que abandone a política do bulo e da insinuación, respecte as resolucións xudiciais e deixe de utilizar o Concello como plataforma de ataque persoal contra quen dedicou décadas de traballo ao municipio.

Catoira merece un alcalde centrado en gobernar, en resolver problemas e en defender os intereses da veciñanza, non en fabricar titulares nin en ocultar a súa propia incapacidade de xestión.

Comparte este artigo