O PP de Pontevedra acusa ao subdelegado do Goberno de usar o reinicio das obras do nó de Bombeiros como “propaganda electoral”

Redacción
  • Pepa Pardo afeou o “rifirrafe dialéctico ao estilo Pimpinela” entre o subdelegado Abel Losada e o alcalde Fernández Lores, acusando ao PSOE de “non ter vergoña” e ao BNG de “consentilo”.
  • Os populares censuran a opacidade técnica da obra: ocúltanse os prazos, o calendario de tráfico e o contido dun proxecto modificado que custará 10,9 millóns de euros e alongarase ata 2028.
  • Pedro Puy tilda de opaco e electoralista o anunciado reinicio dos traballos tras acumular máis de 23 meses de parálise total e advirte que nin o propio Concello sabe en que consiste a intervención.

O PP de Pontevedra acusa ao subdelegado do Goberno de usar o reinicio do nó de bombeiros como propaganda electoral, e esixe ao Goberno socialista unha implicación “seria” coa provincia e coa cidade, tras denunciar o “abandono total e absoluto” reflectido na xestión das obras de remodelación do enlace de Pontevedra Norte, o nó de bombeiros, da AP-9.

Pepa Pardo denunciou o espectáculo político vivido na recente mesa de coordinación da obra. Defíneno como “un verdadeiro rifirrafe dialéctico ao máis puro estilo de Pimpinela” entre o subdelegado do Goberno e o alcalde da cidade. Aclara que, aínda que celebra que se retomen os traballos, este reinicio nace “moi cuestionado” e envolto na incerteza.

“Descoñecemos o proxecto; non o coñece nin o propio alcalde do proxecto modificado”, denuncian os populares, en referencia ás queixas do propio rexedor nacionalista pola falta de documentación. “Descoñecemos as datas exactas do orzamento e descoñecemos os prazos de execución”, engaden, censurando que Losada non concrete o calendario exacto de afectación ao tráfico nin as restricións nos accesos clave como a ponte das Correntes.

Para os populares, a actitude do subdelegado é intolerable: “Está vostede utilizando o nó de bombeiros, que tanto vai influír na mobilidade dos pontevedreses, como propaganda electoral. Isto é unha auténtica vergoña e un escándalo máis”, o que subliña que esta situación deixa ao descuberto “a utilización das necesidades de Pontevedra con meros fins propagandísticos”, sentenciando de forma contundente que “o PSOE non ten vergoña e o BNG o consinte”.

Pola súa banda Pedro Puy tilda de opaco e electoralista o anunciado reinicio dos traballos tras acumular máis de 23 meses de parálise total e amosouse tallante ante o  proceder do Executivo central. “Despois de case dous anos de parálise, non deixa de resultar sorprendente que xusto cando se convocan as eleccións se anuncie o reinicio dunha obra, a do nó de bombeiros”, sinalou Puy, quen incidiu no total escurantismo que rodea aos traballos. “Ninguén sabe exactamente en que consiste, nin sequera o Concello, despois de manter unha reunión de coordinación co Goberno, é capaz de dicir que é o que se vai a facer”.

O popular denunciou que “os prazos alónganse ata o ano 2028” e que “todo apunta a que estamos ante un movemento, desgraciadamente, motivado pola convocatoria electoral e que ten poucos visos de continuar”. Por este motivo, indicou que “nós seguiremos insistindo na importancia deste enlace para a cidadanía da comarca de Pontevedra e de Poio e, sobre todo, para que se cumpran os prazos e se faga público exactamente cal é o plan de traballo, que a día de hoxe parece que ninguén coñece máis que o subdelegado do Goberno”.

Un historial de evasivas, sobrecustos e atrasos ata 2028

O Grupo Popular, tanto no Congreso como no Senado,  xa formulou preguntas por escrito en xaneiro de 2026 ante unha parálise que entón sumaba 14 meses. A resposta oficial do Ministerio, emitida o 23 de febreiro de 2026, limitouse a sinalar de forma vaga que “as obras poderán retomarse unha vez sexa aprobado devandito proxecto modificado”.

Ante este escenario, o PP esixe ao Executivo de Sánchez que aclare de inmediato as contradicións administrativas da obra, publique todos os datos técnicos e deixe de xogar coas necesidades de mobilidade dos veciños de Pontevedra e Poio.

Comparte este artigo