Os participantes retiraron este domingo preto de 20 kilos de lixo, fundamentalmente restos de envases e de aparellos de pesca ou os tarugos das cordas das bateas
O Concello de Nigrán, como cada ano, participou este domingo na ‘XV Limpeza simultánea de praias’ en toda Galicia capitaneada pola asociación ecoloxista Adega. Así, un pequeño grupo de 8 persoas retirou preto de 20 kilos de lixo na Madorra, tratándose fundamentalmente de pequenos anacos de plástico, como poden ser restos de envases e de aparellos de pesca (fundamentalmente redes), e, como é habitual nestas xornadas, decenas de tarugos plásticos que se empregan no amarre de cordas de bateas.
Estas limpezas de praias son actos simbólicos nos que non se debe ver ao voluntariado como man de obra barata para deixar limpos os areais. Son actividades de concienciación e educación ambiental que permiten que a cidadanía coñeza a problemática dos residuos mariños, a súa procedencia e os impactos que causan, así como avaliar cales son as medidas que cada un de nós pode desenvolver para minimizar este problema. Tapóns, bolsas, anacos de redes ou de cordas de nailon, son exemplos de restos de orixe plástico que alén do seu impacto visual supoñen un perigo para a fauna e a flora mariña e mesmo representarían, pola súa transferencia trófica, un risco para os seres humanos.
O Concello de Nigrán, como xa ven facendo co ‘Proxecto Ríos’ de Adega, quere concienciar tamén sobre a importancia dos valores da nosa costa, a problemática da contaminación mariña e das algas invasoras ou a alteración do ecosistema, así como promover as medidas que cada cidadán pode levar a cabo para minimizar estes impactos.

