A apertura da cafetería o venres 23 súmase a dúas xornadas con obradoiros gratuítos, artesanía e sesión vermú con música en directo
O Mercado de Tomiño celebra os días 23 e 24 de outubro unha nova edición do Mercado de Outono, que este ano coincide coa apertura da súa cafetería o venres 23. Unha incorporación que reforza o mercado como lugar para facer a compra, pero tamén para quedar, compartir e gozar da vida local. A programación combinará gastronomía, oficios tradicionais e música, poñendo en valor os produtos de tempada e o comercio de proximidade.
A alcaldesa, Sandra González, destaca que “o mercado forma parte da vida de Tomiño, das compras do día a día e dos encontros coa xente. Queremos seguir coidando ese vínculo e ofrecer motivos para achegarse, descubrir os produtos que temos preto e compartir tempo coa veciñanza”. Neste sentido, sinala que “apoiar o mercado local é apoiar ás persoas que traballan nel e que manteñen vivo o comercio de proximidade. A apertura da cafetería suma un novo motivo para achegarse ao mercado e contribúe a que sexa un espazo con máis vida, no que apeteza quedar e atoparse”.
A programación comezará o venres 23 ás 11.00 horas cun obradoiro de cociña de Tania Alves, de O Fogón do Mercado, no que se elaborarán croquetas de cogumelos e pan de cabaza con produtos do propio mercado. Pola tarde, Suso Cesteiro impartirá un obradoiro de cestería tradicional de 16.00 a 20.00 horas, que se repetirá o sábado no mesmo horario. De 18.30 a 20.00 horas, a bióloga e especialista en micoloxía Purificación Lorenzo ofrecerá unha charla sobre os cogumelos da contorna de Tomiño.
O sábado 24, ás 11.00 horas, Marisa Baquero, da floristería do mercado, guiará un obradoiro para crear coroas de outono con flores, follas e outros elementos naturais. A partir das 13.00 horas, a sesión vermú reunirá tapas elaboradas con produto local, entre elas callos e fideuá de cogumelos, a 2,50 euros, e a música en directo de La Chata, cun repertorio de jazz e soul.
Durante as dúas xornadas, de 9.00 a 14.00 horas, os espazos efémeros acollerán as cestas artesanais de Suso Cesteiro e os produtos gastronómicos de Almacén urbano Gourmet. O sábado sumarase Alén do Val, do Rosal, coas súas elaboracións artesanais e ecolóxicas a base de mirabeis. Estes espazos están tamén dispoñibles ao longo do ano para produtores, artesáns e novas iniciativas que queiran dar a coñecer os seus produtos.
Todos os obradoiros e a charla son gratuítos e requiren inscrición previa. A programación e as inscricións poden consultarse en www.tomino.gal.

