- – O subdirector de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía, Jorge García-Borregón, e a supervisora de Atención ao Paciente do CHUP, Loreto Casal, visitaron onte a mesa informativa de ADICAM instalada no Hospital Provincial
- – A Xunta de Galicia avanza no cribado precoz ao ampliar a franxa de poboación diana dos 45 aos 74 anos, unha medida que beneficiará a 117.000 mulleres máis na comunidade
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés sumouse onte, luns 19 de outubro, ás accións de sensibilización con motivo do Día Internacional do Cancro de Mama, poñendo o foco no diagnóstico precoz, na investigación e no apoio continuo que precisan as pacientes e as súas familias durante e despois do proceso asistencial.
No marco da xornada de onte, o subdirector de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía, Jorge García-Borregón, xunto coa supervisora de Atención ao Paciente do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, Loreto Casal, achegáronse á mesa informativa instalada pola Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama -ADICAM- no Hospital Provincial. Con esta visita, a dirección da Área Sanitaria quixo amosar o seu respaldo ao traballo do tecido asociativo e aos equipos sociosanitarios que ofrecen orientación e coidados continuos máis alá do eido puramente clínico.
Ampliación do programa de cribado e impacto na Área
Cómpre sinalar que na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés detéctanse arredor de 220 novos casos anuais de cancro de mama. Neste senso, o Consello da Xunta deu onte luns un novo paso preventivo ao aprobar o adiantamento da idade de inicio do programa de detección precoz desta patoloxía. Así, a poboación diana pasa a abarcar desde os 45 ata os 74 anos -fronte á franxa anterior de 50 a 69- o que permitirá incorporar a 117.000 mulleres máis en toda Galicia a estas probas preventivas.
Esta aposta pola prevención sanitaria compleméntase co labor diario das entidades asociativas. Desde ADICAM destacan que nesta data non se trata só de “vestirse de rosa”, senón de reivindicar máis investigación, prevención e diagnósticos a tempo, xunto cunha atención integral que acompañe ás persoas durante e despois do proceso. A asociación remarca que “detrás de cada lazo rosa hai unha realidade que precisa recursos, apoio, atención e compromiso os 365 días do ano”, subliñando que a visibilidade é importante, pero o compromiso permanente resulta imprescindible para dar voz e acompañamento ás pacientes.

