O BNG de Negreira, por medio do seu portavoz Xosé Ramón Blanco, “Pichi”, presenta no concello unha moción para instar á Consellería de Educación á contratación dunha docente da especialidade de Sistemas de Aplicacións Informáticas para impartir o módulo de “Sistemas operativos monoposto”, de 6 horas semanais, que se imparte no IES Xulián Magariños. Esta moción responde á situación que se vive no centro de educación secundaria de Negreira, onde o alumnado leva máis dun mes perdendo 6 horas de clase á semana por falta de docente.
“A Xunta, a través da Consellería de Educación, é quen ten que cubrir esa praza, tal e como solicitou o Centro”, expresou o portavoz municipal do BNG. A dificultade deriva de que, ao tratarse dunha praza de xornada reducida, a aceptación do posto é voluntaria para as persoas que se atopan na lista de substitución, “pero, se ninguén acepta, o que pode e debe facer a Administración é ampliar e abrir novas listas, tal e como está a facer noutras especialidades docentes”. Pero nin esa solución nin ningunha outra ten adoptado a Consellería, cando o Centro leva vai máis dun mes sen docente.
Agora mesmo, o alumnado vese afectado na súa educación por mor do desleixo da Consellería, “o que está afectando á calidade educativa para a que debemos esixir as mellores condicións porque non podemos deixar que Negreira quede atrás. É por isto que imos levar a nosa iniciativa tanto ao Concello como ao Parlamento Galego”, explicou Xosé Ramón Blanco, “Pichi”, avanzando as accións que está a tomar a formación nacionalista para defender ao alumnado do Xulián Magariños ante esta situación.

