Marcos Borrageros fai un chamamento ao PP, tanto na Xunta como no Concello, para que se poña do lado dos veciños e das veciñas
Veciños e veciñas da Estrada responderon esta tarde á convocatoria do BNG e concentráronse diante da Tesourería da Seguridade Social, na Avda. Benito Vigo, para rexeitar a instalación dunha estación de servizo a poucos metros da escola infantil e das vivendas.
O candidato do BNG á alcaldía, Marcos Borrageros, agradeceu a participación e subliñou que “a veciñanza da Estrada deixou claro hoxe que non quere esta gasolineira. Non se trata dun capricho: falamos da saúde dos nenos e das nenas, do descanso das familias e do modelo de vila que queremos. Un proxecto así non pode ir no centro, ao lado dunha escola infantil e das vivendas”.
Chamamento ao PP na Xunta e no Concello
O BNG fixo un chamamento ao PP, tanto na Xunta como no Concello, para que se poña do lado das veciñas e veciños que non queren unha estación de servizo preto da escola infantil nin das vivendas.
“A Xunta ten que decidir sobre a Declaración de Incidencia Ambiental, e o goberno municipal ten que dicir se defende o PXOM que aprobaron e a veciñanza ou deixa pasar o proxecto se este chega ao concello. Pedimos ao PP que escoite o que se dixo hoxe aquí e que actúe en consecuencia”, afirmou Borrageros.
Hai sitios de sobra na Estrada
O candidato do BNG destacou que o rexeitamento non é a unha infraestrutura deste tipo en si, senón á súa localización. “Na Estrada hai sitios de sobra para instalar unha gasolineira coma esta, sen necesidade de metela ao lado da escola infantil, pedimos sentido común e que se priorice a seguridade e a saúde da xente”, sinalou.
Alegacións e modelo para a veciñanza
O BNG lembrou que xa presentou unha alegación ante a Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático, na que pide que se desestime a solicitude de Declaración de Incidencia Ambiental do proxecto de Urban Strada SL. A alegación sinala a incompatibilidade do uso co PXOM da Estrada, o incumprimento do artigo 20.1 do Decreto 329/2005 sobre localización de centros infantís e os riscos derivados do funcionamento desatendido 24 horas.
A organización mantén á disposición da veciñanza un modelo de alegación descargable en https://bngdaestrada.wordpress.com/ e anima a participar para que o rexeitamento social conste no expediente. O prazo para presentar alegacións remata este xoves 22 de outubro.
Finalmente, o BNG anunciou que seguirá traballando xunto coa veciñanza contra a instalación da gasolineira na Baiuca.

