O estudo identifica 16 tramos que suman 26,2 quilómetros e concentran arredor do 19% dos atropelos de animais rexistrados entre 2021 e 2025
A directora da Área de Infraestruturas, Marta Docampo, presentou o diagnóstico e os criterios de identificación dos tramos de risco nun encontro promovido pola Dirección Xeral de Tráfico e a Xunta de Galicia
A directora da Área de Infraestruturas da Deputación de Ourense, Marta Docampo González, participou na Xornada Técnica sobre Sinistros con Animais, promovida pola Dirección Xeral de Tráfico e a Xunta de Galicia. Na súa intervención, expuxo os datos de accidentalidade por fauna na rede provincial de estradas, integrada por 268 vías que suman 1.852 quilómetros, e os criterios técnicos empregados para identificar os tramos de maior risco.
Entre 2021 e 2025 rexistráronse 1.520 atropelos de animais nas estradas dependentes da Deputación, dos cales o 91% corresponderon a xabaríns ou corzos. En 2025 contabilizáronse 334 sinistros, a cifra máis elevada do período analizado.
O diagnóstico elaborado pola área de Infraestruturas tamén recolle a distribución temporal destes accidentes: o 76% rexistráronse entre as 19.00 e as 8.00 horas, mentres que o 34% concentráronse nos meses de outubro, novembro e decembro.
Criterios de identificación dos tramos de risco
Durante a exposición, Docampo explicou o criterio técnico establecido o pasado mes de abril para definir os Tramos de Concentración de Alta Accidentalidade (TCAA) por fauna. Esta clasificación comprende os treitos que rexistran dous ou máis atropelos de xabarín ou corzo por quilómetro e ano.
A aplicación deste criterio identificou 16 tramos que suman 26,2 quilómetros, o 1,4% da lonxitude da rede provincial, e concentran arredor do 19% dos atropelos de animais contabilizados entre 2021 e 2025.
Análise das medidas empregadas
A intervención incluíu unha análise da sinalización existente e dos resultados das medidas ensaiadas. A rede provincial conta con 1.005 sinais de perigo por presenza de fauna, das cales o 60% advirten dun risco referido á totalidade da estrada, sen diferenciar tramos concretos.
Tamén se expuxeron os resultados dos ensaios realizados entre 2021 e 2022 con repelentes olfactivos en 116 quilómetros e da instalación de inhibidores acústicos. Segundo a análise presentada, non se observou un efecto medible destas medidas na redución dos sinistros.
A exposición abordou a sinalización específica dos tramos de concentración de accidentes como unha das medidas técnicas destinadas a advertir os condutores da presenza de fauna na calzada.

