- Marisol Díaz explica que é necesario combinar prevención de danos, control poboacional, actuacións sobre as infraestruturas viarias, vixilancia sanitaria, información e cooperación institucional
- Subliña que este ano se decretou por primeira vez a emerxencia cinexética temporal en toda Galicia para controlar a poboación deste animal ante a persistencia dos danos e o aumento da sinistralidade
- A directora xeral destaca que durante a tempada 2024-2025 se executaron máis de 15.500 accións e rexistráronse preto de 18.900 capturas de xabaril mostrando unha gran mobilización do sector cinexético
A Xunta expuxo esta mañá en Ourense a súa xestión coordinada do xabaril desde un ámbito transversal e tendo en conta as diferenzas paisaxísticas e do territorio, no marco da xornada técnica de sinistros con animais organizada pola Dirección Xeral de Tráfico e á que asistiron representantes dos diversos ámbitos de actuación relacionados con estas especies, entre os que estaban o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e representantes do Goberno de Cantabria.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, explicou que para paliar os efectos xerados por estes animais é necesario combinar diversos factores como a prevención de danos, o control poboacional, actuacións sobre as infraestruturas viarias, vixilancia sanitaria e información e cooperación institucional.
Así, salientou que o Goberno galego conta cun paquete de medidas amplo articulado ao redor de cinco liñas complementarias para mellorar a situación xerada por estas especies. A primeira delas é a prevención, con axudas destinadas a pastores eléctricos que reduzan a entrada do xabaril nos cultivos; en segundo lugar, a compensación económica dos danos agrícolas cando se producen.
Ademais, tal e como incidiu a representante da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, é fundamental o control poboacional coa actividade cinexética, capturas en vivo, actuacións específicas en contornas urbanas e o protocolo de primavera durante a época de maior sensibilidade da fauna silvestre; o coñecemento sobre a especie -aproximadamente 82.200 exemplares cunha densidade media de 2,77 exemplares por quilómetro cadrado- coas estimacións de poboacións, monitorización e integración de datos sobre capturas, danos e accidentes; e por último a valorización da carne de caza, mellorando o seu aproveitamento e a súa incorporación ordenada á cadea alimentaria.
Neste senso, a directora xeral subliñou que ante a persistencia dos danos e o aumento da sinistralidade, se decretou por primeira vez a emerxencia cinexética temporal en toda Galicia para controlar a poboación de xabaril. Unha medida que vén precedida por modelos selectivos e temporais que se aplicaban en determinadas comarcas nas que concorrían danos ou riscos que xustificaban unha resposta extraordinaria.
Nesta liña, explicou tamén que unha mesma especie produce impactos en catro planos diferentes pero que están estreitamente conectados. No ámbito agrogandeiro, no que vai de ano e ata o 1 de xullo deste 2026 rexistráronse 4.918 avisos por danos causados por esta especie. No que respecta á seguridade viaria, no ano 2025 comunicáronse 4.080 sinistros con xabarís – 1.218 na provincia de Ourense-.
A maiores, Marisol Díaz destacou que no ano 2024 e 2025 se executaron 15.573 accións e rexistráronse 18.884 capturas, o que mostra unha elevada mobilización do sector cinexético, e a isto engádenselle os conflitos crecentes en zonas urbanas e periurbanas e o risco sanitario asociado á peste porcina africana.
Para concluír, fixo fincapé en que o reto do xabaril é multicausal, que a resposta ten que ser flexible e depende do contexto, e que o éxito depende da coordinación das diversas institucións, entre as que destacou a Xunta, os concellos, a DXT, a Garda Civil, os titulares das vías, a Federación Galega de Caza, os TECORES ou os cazadores.

