- González incide na importancia da colaboración entre a Administración e o tecido empresarial para acompañar o crecemento das empresas e xerar oportunidades laborais cualificadas
- Neste sentido, destaca a colaboración do Goberno galego con AMMi Technologies a través do programa Galicia Suma Talento: Emprégate para apoiar a contratación indefinida de persoas desempregadas, especialmente de colectivos prioritarios
- Salienta o compromiso da empresa coa responsabilidade social empresarial, destacando que a compañía conta co Selo Responsabilízate, que promove a integración de criterios ambientais, sociais e de bo goberno na xestión empresarial
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou hoxe as instalacións de AMMi Technologies, empresa integrada no Grupo Aníbal Blanco e especializada na fabricación electrónica industrial. Durante o encontro, puxo en valor a súa capacidade para desenvolver solucións tecnolóxicas de alto valor engadido desde Galicia e salientou a contribución deste tipo de empresas ao fortalecemento do tecido produtivo, ao impulso da innovación e á creación de oportunidades laborais cualificadas.
González incidiu na importancia da colaboración entre a Administración e o tecido empresarial para acompañar o crecemento das empresas e facilitar o acceso a un emprego estable. Neste sentido, destacou a colaboración da Xunta con AMMi Technologies a través das axudas do programa Galicia Suma Talento: Emprégate, do que a compañía é beneficiaria para apoiar a contratación indefinida de persoas desempregadas, en liña co obxectivo de favorecer a inserción laboral, especialmente dos colectivos que atopan maiores dificultades para acceder ao mercado de traballo.
Compromiso coa responsabilidade social
O conselleiro salientou tamén que a actividade empresarial debe ir acompañada da integración da responsabilidade social, a igualdade e a sustentabilidade na xestión. Neste ámbito, puxo en valor que AMMi Technologies conta co Selo Responsabilízate, un recoñecemento da Xunta que promove a incorporación de criterios ambientais, sociais e de bo goberno ás pequenas e medianas empresas.
O programa Responsabilízate, de carácter gratuíto e que ten en marcha actualmente unha nova edición, ofrece ás empresas acompañamento e ferramentas para avanzar cara a modelos de xestión máis responsables e sostibles.
Por outra banda, a Xunta avanza na elaboración da nova Estratexia de Benestar Laboral, integrada no Plan Integral para a Mellora da Prevención, o Benestar Laboral e a Reincorporación Saudable ao Traballo en Galicia 2026-2029. Esta iniciativa busca reforzar a prevención e promover a saúde e o benestar no ámbito laboral.

