- Isto permite aforros de ata 4.000 € ao ano a máis de 30.000 familias
- Subliña que o novo centro de Mos supuxo un investimento por parte do Executivo galego de preto de 700.000 € e implica 41 novas prazas públicas e gratuítas
- Pon en valor a transformación integral do antigo hospital do Rebullón nun complexo sociosanitario que unificará servizos educativos, sociais e de saúde
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o Goberno galego blindará 73 millóns de euros nos orzamentos autonómicos do vindeiro ano -un 8% máis- para garantir a gratuidade das escolas infantís da comunidade, unha medida na que Galicia é pioneira a nivel estatal. Isto permite aforros de ata 4.000 € ao ano a máis de 30.000 familias.
Así o manifestou durante a inauguración oficial da nova Escola Infantil Municipal do Rebullón, no concello de Mos, un acto no que estivo acompañado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García.
Apoio integral ás familias e revitalización do Rebullón
A nova escola infantil do Rebullón supuxo un investimento de preto de 700.000 euros por parte da Xunta e permite incorporar 41 novas prazas públicas e gratuítas de 0 a 3 no municipio, sendo xa catro as escolas infantís públicas presentes no concello. “Para que un pobo medre, non vaia para atrás, hai que atraer xente e dar facilidades”, resaltou.
Ademais, reiterou o compromiso do Goberno galego coa conciliación en toda a comunidade e salientou outras liñas de apoio como as máis de 100 casas niño no ámbito rural, a Tarxeta Benvida ou as axudas para actividades e campamentos a través do Plan Corresponsables.
Así mesmo, Alfonso Rueda sinalou que esta nova escola infantil de Mos é tamén a primeira peza do proxecto de transformación integral do antigo hospital do Rebullón, que permitirá recuperar este espazo emblemático para convertelo nun complexo sociosanitario de referencia que unifique servizos educativos, sociais e de saúde para dar resposta ás distintas etapas da vida.

