- Ángeles Vázquez explica que se propón reducir nun 10% o canon por perdas de auga aos municipios que faciliten información sobre as fugas nas súas redes
- Outra das novidades impulsadas é que non se pagará canon por utilizar augas procedentes de depuradoras urbanas para regos, baldeos ou usos industriais
- Estas medidas, xunto coas axudas para elaborar plans de emerxencia municipais e obras de mellora da eficiencia das redes, forman parte da planificación estratéxica de Augas de Galicia para aproveitar mellor os recursos e as instalacións hidráulicas xa existentes como parte da solución ante eventuais episodios de seca e escaseza
- A maiores, a conselleira destaca que o Goberno autonómico fai un seguimento continuo da situación hidrolóxica, colabora cos concellos para mellorar a xestión da auga e moderniza e reforza as infraestruturas que garanten o abastecemento
A Xunta de Galicia incentivará a concellos e empresas para avanzar na redución das perdas nas redes de abastecemento e na reutilización da auga, dous obxectivos fundamentais para garantir unha xestión eficiente e sostible dos recursos que garanta o subministro en situacións de seca.
Durante unha intervención no pleno do Parlamento para falar do Plan estratéxico para o reforzo da eficiencia e da garantía do abastecemento de Galicia (Perega), a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicou que o seu departamento propón introducir dúas modificacións na Lei de augas destinadas a premiar a mellora da información dispoñible sobre o estado das redes municipais e fomentar o aproveitamento de augas procedentes de depuradoras para reducir a captación dos ríos.
Con relación á primeira, a responsable autonómica explicou que se propón reducir nun 10% o canon por perdas de auga a aquelas entidades locais que faciliten información a Augas de Galicia sobre as fugas nos seus sistemas a través da rede de estacións dixitais. Uns datos clave, indicou, para poder detectar e reducir os problemas que provocan que a auga non chegue ao seu destino e que se estima que unha vez estea plenamente implantado suporá un aforro de 1,27 millóns de euros anuais para os concellos.
Para impulsar a reutilización de auga para usos que non requiran que sexa potable ou de máxima calidade (como regos, baldeos ou usos industriais), bonificarase ao 100% o canon pola utilización de recursos procedentes de depuradoras urbanas, unha exención total que beneficiará tanto a concellos como a empresas e mesmo a particulares que recorran a esta opción e reduzan deste xeito os seus consumos de fontes convencionais.
A maiores, incidiu na importancia de dispoñer de información concreta e actualizada sobre o estado das redes municipais para mellorar a súa eficiencia e reforzar a preparación dos sistemas para garantir o subministro á poboación en escenarios de seca.
Con tal fin, explicou que Augas de Galicia tamén ofrecerá o seu apoio aos concellos con novas axudas para redactar plans de emerxencia ante a seca e mantendo subvencións xa consolidadas para a elaboración de auditorías nos sistemas e para a execución de obras de reparación nas redes de abastecemento e de saneamento, por importe de 10 M€.
Todas estas medidas, tal e como indicou a conselleira, forman parte da planificación estratéxica que guía o traballo e as accións do Goberno galego para aproveitar mellor os recursos e as infraestruturas hidráulicas existentes en Galicia.
Neste sentido, incidiu en que non se pode negar a relación entre os eventuais episodios de escaseza como o que está a vivir a Comunidade nos últimos meses e os efectos do cambio climático, un contexto no que será clave avanzar na optimización da xestión dos recursos xa dispoñibles e en funcionamento antes de apostar por outros novos.
Planificación e colaboración supramunicipal
Así mesmo, Ángeles Vázquez expuxo que grazas á experiencia acumulada a raíz de secas anteriores, o traballo do seu departamento neste eido se sustenta en tres piares. Por un lado, o seguimento permanente da situación hidrolóxica para dispoñer de datos actualizados sobre o estado de ríos e encoros e a través da figura da Oficina Técnica da Seca; por outro, a colaboración continua cos concellos para optimizar a xestión da auga reducindo perdas, avanzando na eficiencia dos sistemas e na súa dixitalización; e por último, a mellora e a modernización das diferentes infraestruturas das que depende o almacenamento, a regulación e o subministro final da auga potable.
“O futuro non se constrúe improvisando”, insistiu Ángeles Vázquez para defender a planificación “responsable” que fai a Xunta para garantir o abastecemento en todos os escenarios, con investimentos en obras importantes e o seu apoio técnico e económico aos concellos, que son a administración competente. Nesta liña, avogou tamén por fuxir de “localismos” cando se fala de auga e por fomentar fórmulas de colaboración supramunicipal para abordar a súa xestión desde a perspectiva do interese xeral.

