Avante Ourense acude á Fiscalía Europea ante a falta de transparencia del Concello sobre o contrato da Zona de Baixas Emisións

Redacción

Francisco Diéguez: ‘’Cando o Concello non ofrece información suficiente nin facilita a transparencia que require a xestión dos recursos públicos, temos a obriga de acudir ás instancias competentes. Falamos dun contrato vinculado a fondos europeos e a cidadanía ten dereito a saber como se emprega o seu diñeiro e que controis se realizan’’

A formación solicita que se investiguen as posibles irregularidades na contratación e o control dos fondos europeos vinculados ao proxecto municipal.

Avante Ourense presentou unha comunicación ante a Fiscalía Europea para poñer en coñecemento posibles irregularidades relacionadas co contrato de implantación do sistema de control de tráfico da Zona de Baixas Emisións (ZBE) de Ourense.

A formación explica que esta decisión chega ante a falta de información pública e de explicacións suficientes por parte do Concello sobre as cuestións formuladas arredor deste contrato. Ante a ausencia de transparencia e as dificultades para acceder á documentación necesaria para esclarecer os feitos, Avante Ourense decidiu acudir ao organismo europeo competente para solicitar que se examinen as circunstancias do procedemento.

A organización pide que se comprobe a existencia e o contido dos informes de fiscalización, o cumprimento dos procedementos de control do gasto público e a correcta aplicación dos fondos europeos NextGenerationEU vinculados ao proxecto.

Avante Ourense considera necesario que se recade toda a documentación administrativa, económica e técnica do expediente e que se determine se existen indicios de irregularidades que poidan afectar os intereses financeiros da Unión Europea.

A comunicación solicita tamén que se examine a actuación dos responsables públicos que interviñeron no procedemento, incluído o alcalde, así como a da empresa adxudicataria, SICE, para esclarecer a súa posible participación, se a houbese, nos feitos que se deben investigar.

Desde Avante Ourense subliñan que esta iniciativa non presupón a comisión de ningún delito, senón que pretende que os organismos competentes dispoñan da documentación necesaria para aclarar os feitos e determinar se existen responsabilidades.

Avante Ourense reclama transparencia, fiscalización efectiva e explicacións claras sobre a tramitación do contrato. A organización considera que a xestión dos fondos públicos debe estar sometida a todas as garantías e que calquera posible irregularidade debe esclarecerse con todas as garantías legais.

Comparte este artigo