Ponse en marcha o Programa Municipal de Complemento ao Apoio Familiar
O Concello de Salceda de Caselas suma un novo recurso profesional á súa área social coa incorporación dunha educadora social. Esta contratación permite a posta en marcha do novo Programa Municipal de Complemento ao Apoio Familiar, unha iniciativa financiada a través da subvención para a inclusión social nas entidades locais outorgada pola Xunta de Galicia con fondos da Unión Europea. O programa manterase operativo ata abril de 2027.
A alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, salientou a importancia de poñer á disposición da veciñanza ferramentas públicas de apoio á crianza: “Nun momento no que a crianza, a conciliación e o impacto das novas tecnoloxías cambiaron tanto, as familias precisan recursos sólidos como este nos que apoiarse para a educación dos seus fillos e fillas. Queremos un bo futuro para a nosa xuventude e, por iso, é fundamental traballar no seu presente.”
O obxectivo principal deste proxecto é traballar directamente coas familias do municipio que teñan ao seu cargo infancia ou xuventude en situación de vulnerabilidade social. O traballo realizarase de forma conxunta e coordinada cos centros educativos e cos Servizos Sociais municipais, poñendo o foco na prevención de condutas disruptivas e en situacións de vulnerabilidade e no soporte continuado tanto ás e aos menores como ás súas contornas familiares.
Dado que cada unidade familiar enfronta realidades diversas, o programa deseñouse para ofrecer unha atención individualizada e adaptada ás necesidades específicas de cada caso. Entre os eixes de intervención que se abordarán atópanse:
* Reforzo e orientación educativa.
* Dotación de habilidades e recursos comunitarios.
* Mediación familiar e de convivencia.
* Educación sexual integral.
* Participación social e interculturalidade.
* Desenvolvemento de funcións sociais e parentalidade positiva.
Coa chegada da educadora social, o Concello de Salceda de Caselas consolida a súa aposta polos servizos públicos de atención á infancia e ás familias. Esta medida súmase a outras incorporacións e servizos xa existentes no municipio, como a pedagoga municipal, o Servizo de Educación Familiar ou o Servizo de Atención Temperá, reforzando a rede de atención profesional e garantindo un acompañamento integral á infancia, á xuventude e ás súas familias.

