A X Feira da Chinita reunirá en Ourense a comunidade venezolana galega o día 8 de novembro

Redacción

O alcalde recibiu os organizadores do encontro, que congregou 3.500 persoas en 2025

O programa inclúe música e comida venezolana, actividades infantís, stands de emprendedores e elección da raíña

A comunidade venezolana celebrará o domingo, 8 de novembro en Ourense a súa tradicional Feira da Chinita en Galicia, que chegará este ano á súa décima edición. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu a organización do evento, no que colabora o Concello. Desenvolverase no Campo da Feira, desde as 12.00 ata as 21.00 horas, con entrada gratuíta.

O programa da xornada inclúe comida típica venezolana e actuacións musicais en directo con Jonathan Moly, Los Coleguitas, Gaiteros del Zulia, Misael Sánchez, DJ e Hora Loca. Tamén haberá stands de emprendedores, elección da raíña e actividades infantís.

Os organizadores explicaron que a Feira da Chinita “é unha celebración na honra da Virxe de Chiquinquirá, padroa da cidade de Maracaibo, que aproveitamos para reunir a venezolanos de toda Galicia, con comida e música típica de Venezuela, para que todo o mundo o pase ben. Tamén están convidados os galegos, que son a nosa familia e nos acolleron aquí”, subliñaron. Os organizadores agradeceron o “apoio incondicional do Concello desde o minuto un”, que fai que o encontro siga a desenvolverse en Ourense.

Neste décimo ano, é unha cita xa consolidada cunha nutrida participación: “Empezamos con máis ou menos 1.500 persoas, e xa na última edición pasamos de 3.500”, sinalan, facendo un chamamento a todo o público para que acudan a esta nova edición e desfruten coa música e a cultura venezolana.

Comparte este artigo