Mos vivirá unha Noite de Terror o 31 de outubro con concursos, música e unha gran queimada

Redacción

A celebración terá lugar en San Eleuterio a partir das 21.30 horas e contará coa actuación de DJ Skandal e a queimada da meiga Marilucha

Mos prepárase para vivir unha nova Noite de Terror o vindeiro 31 de outubro. A festa celebrarase en San Eleuterio a partir das 21.30 horas cunha programación que combinará disfraces, gastronomía, música e actividades para diferentes idades.

Entre as propostas previstas figuran un concurso de disfraces, no que os asistentes poderán amosar as súas creacións, e un concurso de doces e salgados, aberto a quen queira demostrar as súas habilidades na cociña. A organización tamén preparou un pequeno percorrido con probas, apto para todas as idades.

A música correrá a cargo de DJ Skandal, que amenizará a noite, mentres que un dos momentos destacados será a gran queimada, que realizará a meiga Marilucha.

O evento, organizado polo Concello de Mos e a Comisión de Festas de San Eleuterio, será gratuíto e desenvolverase en San Eleuterio, en Mos, tralo éxito da convocatoria do pasado ano, que se celebrara en Costoias. A organización facilita os teléfonos 644 355 576 e 644 455 229 para obter máis información e realizar inscricións.

A Noite de Terror convida así veciñanza e visitantes a achegarse a San Eleuterio para celebrar a noite de Halloween nunha noite de disfraces, diversión e tradición.

Comparte este artigo