O distintivo da Xunta recoñece o traballo do Concello na protección do patrimonio natural, a eficiencia enerxética e a xestión responsable da auga e dos residuos.
A concelleira Ana Belén Casaleiro destaca que o recoñecemento “avala unha forma de gobernar que incorpora o coidado do medio ambiente ás decisións municipais”.
O Concello de Tomiño renova a Bandeira Verde de Galicia por segundo ano consecutivo, coa que a Xunta distingue as boas prácticas ambientais e de conservación da paisaxe daqueles municipios galegos que desenvolven unha xestión comprometida coa protección do territorio, o uso responsable dos recursos e a mellora da calidade de vida da veciñanza.
A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, recolleu o galardón de mans de Ángeles Vázquez, concelleira autonómica, no acto celebrado o pasado 21 de outubro en Vedra, no que foron recoñecidos 39 concellos galegos. Para Casaleiro, esta distinción “avala unha forma de gobernar que incorpora o coidado do medio ambiente ás decisións municipais”. A concelleira destaca que “detrás hai anos de planificación e actuacións concretas para mellorar os servizos, protexer a nosa contorna e gañar calidade de vida. Que a Xunta recoñeza ese esforzo é un respaldo ao traballo realizado e un impulso para seguir avanzando”.
A memoria presentada polo Concello recolle medidas de transición enerxética como a adhesión ao Pacto das Alcaldías polo Clima, a instalación de enerxías renovables en edificios municipais e a creación de puntos de recarga para vehículos eléctricos.
Na conservación do patrimonio natural destacan o catálogo de árbores senlleiras, a declaración das sobreiras de San Roque como formación senlleira e a eliminación de flora invasora na Zona Especial de Conservación Baixo Miño, integrada na Rede Natura 2000. Súmanse a campaña «Rodéate de vida», que favorece a prevención dos incendios nas franxas secundarias de protección dos núcleos de poboación, e a mesa de traballo pola convivencia entre o sector agro e a veciñanza.
En materia de residuos, a compostaxe impulsada ao abeiro do Plan Revitaliza permitiu reducir un 11 % a fracción resto xerada por habitante desde a súa implantación. Este traballo continúa agora con «O Grilo Verde», o novo modelo municipal que avanza cara a unha recollida máis eficiente e adaptada ás características de Tomiño, coa posta en marcha do servizo porta a porta de biorresiduos para establecementos e o punto limpo móbil.
No ámbito da auga, a auditoría do saneamento serviu para identificar infiltracións e acometer obras que reducen a entrada de augas pluviais na rede, mentres que a redacción do Plan de Seca permite anticipar a resposta ante situacións de escaseza.
A concelleira quixo destacar tamén a contribución cidadá: “A veciñanza é parte fundamental destes avances, desde a separación dos residuos ata o coidado das parcelas e a participación nas actividades ambientais. Esta Bandeira Verde recoñece tamén esa implicación e anímanos a continuar con medidas útiles e adaptadas á realidade das nosas parroquias”.

