O Concello captou máis de 100.000 euros de fondos europeos para adquirir un camión 100% eléctrico que permitirá recoller de forma separada 52 toneladas de restos vexetais
O Concello do Rosal avanza na mellora da recollida de biorresiduos vexetais coa incorporación dun novo vehículo 100% eléctrico, que estará destinado á recollida diferenciada de residuos vexetais procedentes de podas, mantemento de xardíns, hortas e zonas verdes que se depositan no punto verde ou que se producen durante os desbroces municipais.
O novo vehículo, equipado con grúa e pinza, facilitará a carga e manipulacións dos materiais, reducindo os esforzos físicos do persoal e axilizando os traballos de recollida separada dos restos vexetais para a súa valorización, que se prevé que superen as 52 toneladas anuais. O camión é totalmente eléctrico, sen emisións directas de CO₂ durante a circulación e conta cunha configuración adaptada ás vías rurais e ao transporte de restos vexetais voluminosos.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, resalta que “seguimos incorporando melloras concretas aos servizos municipais, aproveitando o financiamento europeo para modernizar os equipamentos e avanzar cara a unha xestión dos residuos máis eficiente, sostible e adaptado ás necesidades da veciñanza. Este novo camión permitiranos reducir emisións, facilitar os traballos de recollida e mellorar o tratamento dos restos vexetais”.
Para a adquisición deste novo vehículo, o Concello captou máis de 100.000 euros de fondos europeos a través das axudas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta para o financiamento de actuacións dirixidas a incrementar a ecoeficiencia na xestión de residuos cofinanciadas ao 60% pola Unión Europea no marco do programa Galicia FEDER 2021-2027.
Aposta pola recollida separada
Xunto a esta subvención, o Concello captou tamén case 18.000 euros para a mellora das instalacións e do equipamento do punto limpo fixo municipal para ampliar a capacidade de recollida separada de residuos especiais e voluminosos. A esta subvención súmanse outros 15.000 euros para a dixitalización do servizo de residuos e a elaboración dun inventariado xeolocalizado dos colectores, un estudo técnico do funcionamento e saturación do servizo e unha análise dos custos reais por fracción. Por último, o Concello captou ademais case 2.500 euros para o fomento da compostaxe doméstica coa entrega de composteiros ás familias participantes e a súa formación para que poidan tratar na propia casa os restos orgánicos, reducindo os residuos que van ao colector xeral.

