A película «San Simón» chega a Goián cunha proxección e un coloquio co seu director, Miguel Ángel Delgado

Redacción

O Auditorio de Goián dedica a fin de semana ao cinema con dúas sesións de balde: o sábado, memoria histórica e encontro co cineasta; e o domingo, a comedia familiar «Padre no hay más que uno 5».

O Auditorio de Goián acollerá este sábado 7 de novembro, ás 21:00 horas, a proxección de «San Simón», nunha sesión especial que contará coa presenza do seu director, Miguel Ángel Delgado. O cineasta compartirá co público un coloquio ao remate do filme xunto a Helena Pousa, presidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, nun encontro que permitirá afondar tanto na creación da película como nos feitos históricos que aborda.

Recomendada a partir dos 12 anos, «San Simón» sitúa o seu punto de partida en outubro de 1936, cando os sublevados converten o antigo lazareto da illa nun campo de concentración. Sete anos despois, Lamas lembra aqueles feitos e as vidas marcadas pola represión, o sufrimento e a falta de liberdade. A participación de Delgado será un dos grandes atractivos desta cita, ao ofrecer ás persoas asistentes a posibilidade de conversar directamente co director sobre un filme que recupera un dos episodios máis duros da historia recente de Galicia e nos achega á realidade de quen permaneceu preso neste lugar.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca o valor de poder ofrecer unha sesión destas características: «Contar con Miguel Ángel Delgado en Goián dálle un valor especial a esta proxección. É unha oportunidade para gozar do cinema e poder falar con quen está detrás da película, coñecer como se fixo e compartir as preguntas e as emocións que esperta unha historia tan próxima a nós».

«A memoria histórica necesita tamén espazos nos que atoparnos, escoitar e aprender. O cinema ten unha enorme capacidade para achegarnos a experiencias que as novas xeracións non viviron e axudarnos a comprender por que é necesario seguir falando delas», sinala a rexedora.

A fin de semana continuará o domingo 8 de novembro, ás 17:30 horas, coa proxección de «Padre no hay más que uno 5», dirixida por Santiago Segura. Nesta comedia para público familiar, as responsabilidades e os enredos cotiáns multiplícanse, dando lugar a situacións disparatadas e momentos cheos de humor.

As dúas sesións celebraranse no Auditorio de Goián con entrada de balde.

Comparte este artigo