O Liceo acollerá este sábado o III Torneo de Mus Concello de Ourense San Martiño

Redacción

A cita desenvolverase durante todo o día e repartirá prazas para os campionatos de España e de Galicia

Ourense é un referente na práctica deste xogo, que mobiliza cada xoves máis de 800 practicantes na liga local

O salón de plenos do Concello de Ourense acolleu esta mañá a presentación do III Torneo de Mus Concello de Ourense – San Martiño, que se desenvolverá este sábado, 7 de novembro, no Liceo. No acto participaron o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira; a concelleira de Artes e Festexos, Noa Rouco; a tesoreira da Asociación de Museros de Ourense (AMOU), Ana Vieira, e a vocal Ilenia Castiñeiras.

A competición disputarase ao longo de toda a xornada, dende as 10 da mañá, cun sistema de eliminatorias que se prevé que remate arredor das 22 h. As persoas participantes poderán optar a trofeos, agasallos e á clasificación para os campionatos de España e de Galicia. A día de hoxe xa hai medio cento de parellas inscritas, aínda que a organización prevé superar amplamente as cen, xa que o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o propio sábado.

O torneo, patrocinado polo Concello, contribuírá a dar aínda máis visibilidade a esta modalidade en constante crecemento na cidade. AMOU conta con máis de mil persoas asociadas e a liga local, que se desenvolve todos os xoves, rexistra unha participación de máis de 800 xogadores e xogadoras, cunha alta porcentaxe de mulleres, a diferenza doutras cidades.

A tesoreira de AMOU, Ana Vieira, destacou o interese deste torneo, polo seu nivel competitivo e pola posibilidade de optar a participar en certames superiores: “Mordemos por unha praza”, asegura. Así mesmo, subliñou a elevada cifra de practicantes na cidade: “Está crecendo, temos escola de mus dende hai anos e nótase; en proporción de xogadores de mus por poboación debemos de estar entre o máis alto de España. Na liga de Ourense estamos unhas oitocentas e pico persoas xogando: todos os xoves, e cada vez máis”.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, puxo o foco no valor social desta disciplina: “Transmíteme moita xente que probablemente sexa unha das actividades máis importantes que temos hoxe en Ourense para relacionarse. É incrible: moitas persoas cóntanche que teñen un novo costume: en vez de estar na casa, quedar coas súas amizades para xogar ao mus. Os xoves saes á rúa e ves o movemento, te atopas cos xogadores, que te preguntan como foi a partida. É un ambiente moi bonito”.

Programa do San Martiño 2026

O campionato forma parte da programación de actividades que desenvolverá o Concello con motivo da celebración da festividade do San Martiño 2026. Ese mesmo día, a Sala Valente acollerá de 10.00 a 13.00 horas un obradoiro de confección de pequenos instrumentos musicais de raíz, impartido por Xavier Blanco, e unha representación didáctica ás 19.00 horas. O domingo desde as 11.00 horas terá lugar a tradicional Carreira Popular do San Martiño, que bate este ano o seu récord histórico de inscricións, con 11.057 deportistas.

O mércores 11 terán lugar os actos centrais da festa: ás 18.00 horas, Magosto tradicional na Praza Maior e na Alameda, Festival de Folk tamén ás 18.00 horas e baile ás 19.00 coa orquestra Los Satélites.

Comparte este artigo