A Xunta premia tres proxectos de Ponteareas, Vigo e Bergondo na categoría de Disc-Jókey do “Xuventude Crea 2026”

Redacción

— Lara Meneses salienta a “calidade e profesionalidade” das propostas ‘Ritmo da xuventude’, ‘Festa nai! Onde o norte atopa o sur’ e ‘TkD’, que resultaron gañadoras co primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente


— Sara González, Íñigo de Torres e Antón Romero recibirán os seus respectivos galardóns nunha gala final xunto co resto de distinguidos nas 14 categorías restantes

A Xunta de Galicia acaba de premiar na modalidade de disc-jóckey do Xuventude Crea 2026 os proxectos Ritmo da xuventude, de Sara González, da localidade pontevedresa Ponteareas, Festa nai! Onde o norte atopa o sur, de Íñigo de Torres, de Vigo, e TkD, de Antón Romero, do municipio coruñés de Bergondo, co primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente, deste certame. Así se deu a coñecer na final celebrada onte na Sala Pelícano da Coruña e á que asistiu a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses.

Con respecto a esta modalidade do programa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Lara Meneses gabou “o enorme talento e profesionalidade que se constata en cada edición” e considerou que o interese por esta categoría e a calidade das propostas de todos os participantes “reflicten o amplo e diverso viveiro creativo que posúe Galicia”. Por estes motivos, salientou a importancia do Xuventude Crea para “darlle pulo e difusión ao tempo que ser un estímulo artístico da xente moza”.

Iniciativas gañadoras
En canto ás iniciativas gañadoras, felicitou as tres propostas pola “orixinalidade e a creatividade”. Así, a do primeiro premio, Ritmo da Xuventude, de Sara González, destaca por un percorrido por diferentes xéneros que vai desde unha música techno contundente a ritmos máis bailables.

A continuación, recoñeceuse a obra Festa nai! Onde o norte atopa o sur, de Íñigo de Torres, na que, a través da música, reflicte a súa traxectoria vital por diferentes cidades ao longo dos últimos tres anos e cuxo repertorio vai desde o deep house, techno melódico ao electro breaks. Pola súa banda, TdK, de Antón Romero, acadou o terceiro premio do Xuventude Crea 2026 de Dj cunha creación con mesturas musicais longas e progresivas.

A modalidade disc-jóckey é unha das 15 especialidades que compoñen a convocatoria do Xuventude Crea 2026, que segue a consolidar a seu interese entre a mocidade galega con preto de medio milleiro de persoas inscritas este ano e que celebrará a gala cando rematen todas as finais das diferentes categorías.

A iniciativa chega este ano á súa décimo sétima edición sendo un programa consolidado e con prestixio no eido cultural e artístico galego, no que xa participaron preto de 6.000 mozos e mozas, con 4.000 obras e proxectos creativos e no que se repartiron preto de 700 premios por un importe total superior ao millón de euros e 89 mencións de honra.

Comparte este artigo