A festa do Magosto requirirá pechar ao tráfico un treito da rúa do Progreso o mércores desde as 13.30 h

Redacción

A Policía Local despregará un dispositivo especial de tráfico pola programación de actividades e as mobilizacións da folga xeral

A Policía Local de Ourense despregará un dispositivo especial de ordenación da circulación e restricións de estacionamento o vindeiro mércores, 11 de novembro, con motivo da programación de actividades festivas e actuacións musicais vinculadas á festividade do Magosto, así como pola coincidencia de diversas mobilizacións autorizadas por mor da folga xeral.

Desde as 13.30 horas, procederase ao corte total do tráfico rodado na rúa do Progreso, no treito comprendido entre o acceso á baixada da Praza de Abastos e a intersección coa rúa da Concordia.

O transporte público urbano procedente de Tras Alameda poderá desviarse en dirección a Xoán XXIII pola rúa Parada Justel ata as 17.30 horas, cando se levará a cabo o peche total á circulación deste vial.

As restricións manteranse ata que rematen as actividades programadas e se despexe a vía.

Para a xornada do 11 de novembro, ademais dos actos festivos, está prevista a realización de diversas manifestacións e concentracións na vía pública (ás 10.00, ás 11.00 e ás 18.00 horas).

Por este motivo, poden producirse cortes puntuais, desvíos circulatorios de carácter conxuntural e retencións motivadas polo itinerario dos manifestantes en distintos eixes viarios da cidade. As vías afectadas polas manifestacións son: glorieta de San Rosendo, Progreso, Xoán XXIII, Curros Enríquez e avenida da Habana.

Comparte este artigo