O Concello de Ourense mantén na súa totalidade a programación de actividades organizadas para celebrar pasado mañá, mércores, día 11 de novembro a Festa do Magosto 2026, coa tradicional cita gastronómica na Praza Maior e a Alameda, o festival de Folk San Martiño e a actuación da orquestra Los Satélites
Ante a previsión de chuvia, o Concello aumentará o número de carpas que permitirán ao público desfrutar da festa gastronómica e dos espectáculos musicais. Así, instalaranse estruturas cubertas na Praza Maior e Santa Eufemia, na rúa do Progreso (á altura da Alameda), na rúa do Bispo Cesáreo e na Avenida de Pontevedra, ademais das habituais do bar e do punto de reparto de castañas.
A programación da festa, declarada de interese turístico, está organizada polo Concello coa colaboración da Xunta de Galicia e ABANCA. O único cambio respecto ao anunciado inicialmente é que non haberá porco ao espeto, manténdose o resto de propostas.
FESTA DO MAGOSTO 2026
Mércores, 11 de novembro
18.00 h. Praza Maior e rúa do Progreso (Alameda). Magosto tradicional: chourizo asado con bolo de masa nai, auga ou viño. Prezo: 3 euros.
Degustación gratuíta de castañas
Callos
18.00 h. Praza Maior. Festival Folk San Martiño.
Actuación dos grupos Ialma e Brañas Folk, coa colaboración de Pancho Álvarez, Susana Blanco e o cuarteto de zanfonas Zarandela, dirixido por Germán Díaz.
19.00 – 22.00 h. Rúa do Progreso (Alameda). Baile coa orquestra Los Satélites.

