Disporá de algo máis de oito horas para realizar in situ a súa obra
Máis oitenta de artistas de todas as idades van participar mañá domingo no XI Concurso de Pintura ao Aire Libre Pinta Tui. A iniciativa comezará ás 9.30 h na Oficina de Turismo no Paseo da Corredoira, onde as persoas participantes deberán selar os soportes nos que van plasmar ao longo da xornada a súa obra de arte. Deberán entregar o traballo xa rematado antes das 18.30 h no Espazo Sociocultural previa a reunión do xurado.
Rúas, prazas, e distintos lugares de Tui serán mañá o escenario deste concurso que contribúe cada ano á difusión turística da cidade tanto polos participantes que chegan de diversas procedencias coma Vigo, Santiago, Vilagarcía, Nigrán, Portugal,… como polas obras creadas nesta xornada que contribúen a proxectar a imaxe da cidade como destino cultural e turístico de referencia. A de mañá será unha experiencia única, como sinala a concelleira de Turismo de Tui, Ana Núñez, tanto para as e os artistas porque poder realizar o seu traballo ao aire libre in situ, como tamén para o público que pode admirar a realización e evolución dos cadros ao longo do día.
Están establecidas tres categorías. Na categoría de maiores de 18 anos establécese un primeiro premio de 1000 € e menú para dúas persoas en La de Manu e un servizo de Blackbird Barber Concept. O segundo premio estará dotado con 700€ e un menú para dúas persoas no Restaurante El Molino; un terceiro premio de 500€ no Restaurante O vello Cabalo Furado, un cuarto premio de 300€ en material e pintura e un menú para dúas persoas en Puro Sabor; un quinto premio de 200€ en material de pintura e menú para dúas persoas en Viños e Tapas, e un sexto premio de 100€ en material de pintura e un menú en O Albergue Tapería. A obra que obteña o primeiro premio pasará a ser propiedade do Concello de Tui.
Na categoría de 12 a 17 anos haberá tres premios. Un primeiro de 300€ en material de pintura, un almorzo para dúas persoas en Pancho 3.0, e un servizo en Blackbird Barber Concept. O segundo premio constará de 200€ en material de pintura e un brunch para dúas persoas en Ideas Peregrinas, e o terceiro premio será de 100€ en material de pintura e un agasallo de Academia EIS.
Xa por último todos os nenos e nenas participantes menores de 11 anos recibirán un obsequio xentileza de Gominolas Nitos e Efectos. Amais establécense cinco premios. O primeiro premio de 100€ en material de pintura, un cono xigante de Gominolas Nitos e un menú para dúas persoas en Santa Columba Cafetería; un segundo premio de 80€ en material de pintura e unha cesta de lambetadas de Gominolas Nitos, e unha merenda en Crep da Pía; o terceiro premio será 50€ en material de pintura e unha cesta de lambetadas de Gominolas Nito e un almorzo en Pancho 3.0; o cuarto premio será 30€ en material de pintura, unha cesta de lambetadas de Gominolas Nito e un almorzo ou merenda de Óscar Romero, e por último o quinto premio será de 20€ en material de pintura, unha cesta de lambetadas de Gominolas Nito e un agasallo de Efectos.
A entrega dos premios terá lugar mañá domingo, 8 de novembro, ás 20 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela tras a deliberación do xurado.

