O concello da Guarda finaliza os traballos de eliminación de pintadas no Centro Cultural e na súa contorna

Redacción
  • A actuación, realizada nas últimas semanas mediante a técnica de hidro-gommage, permitiu limpar as fachadas do edificio, o hórreo, os muros de peche e as gradas da pista deportiva
  • O Concello fai un chamamento á colaboración e ao civismo da veciñanza para preservar en boas condicións os espazos públicos e o patrimonio municipal

O Concello da Guarda vén de finalizar os traballos de eliminación dos graffitis existentes nas fachadas do edificio do Centro Cultural, así como no hórreo, nos muros de peche e nas gradas da pista deportiva. As actuacións, desenvolvidas ao longo das últimas semanas por unha empresa especializada, remataron esta mañá, deixando os exteriores do inmoble en boas condicións tras a retirada das pintadas.

Para realizar estes traballos empregouse a técnica de hidro-gommage, un procedemento especializado de limpeza especialmente axeitado para superficies de granito e elementos patrimoniais. Consiste na proxección a moi baixa presión de auga e agregados minerais, permitindo retirar a sucidade e as pintadas sen danar o soporte.    

Trátase dunha técnica respectuosa co material, con reducida xeración de po e ruído, que minimiza as molestias durante a execución dos traballos. Ademais, ao estar o edificio do Centro Cultural incorporado ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, a actuación requiriu a tramitación das autorizacións correspondentes á Dirección Xeral de Patrimonio.

Esta mañá, unha vez finalizados os traballos, o alcalde da Guarda, Roberto Carrero; e o concelleiro de Medio Ambiente, Óscar Álvarez; achegáronse ata o Centro Cultural para comprobar o resultado da intervención.

O Concello da Guarda quere aproveitar a finalización desta actuación para facer un chamamento á responsabilidade e ao civismo colectivo. A recuperación destes espazos debe ir acompañada do compromiso de todos e todas para mantelos en boas condicións, respectando tanto os elementos patrimoniais como as instalacións e equipamentos de uso público. De feito, durante o propio proceso de eliminación das pintadas chegaron a aparecer novos graffitis nalgúns dos elementos que estaban a ser tratados, unha circunstancia que pon de manifesto a importancia de reforzar a concienciación e o respecto polos espazos compartidos.

Comparte este artigo