Para Luis Bará “a carencia desta infraestrutura causa moitos problemas que terían unha solución doada e non moi costosa”
O BNG rexistrou unha batería de iniciativas, mediante preguntas ao goberno e unha proposición non de lei, en resposta á demanda da ANPA do colexio de Educación Infantil Concepción Crespo Rivas. O deputado do BNG Luís Bará visitou o colexio a semana pasada para reunirse con nais e pais e coñecer de primeira man as carencias que presenta o centro.
A comunidade escolar informou a Bará sobre a demanda reiterada dunha cuberta que permita protexer o alumnado e as familias fronte ás inclemencias meteorolóxicas e garantir unhas condicións adecuadas de acceso ás instalacións. Trátase segundo a ANPA dunha actuación que xa fora comprometida pola administración autonómica e que finalmente non foi incluida no proxecto da ampliación aducindo dificultades técnicas e orzamentarias.
A ausencia dun espazo cuberto na entrada crea problemas de organización e funcionamento das entradas e saidas do centro pola ausencia dun espazo de transición adecuado entre o exterior e o interior do edificio, que permita organizar o acceso do alumnado en condicións de seguridade e benestar, sobre todo cando as condicións meteorolóxicas son adversas. Cómpre ter en conta que se trata de crianzas de 3 a 5 anos de idade coas que hai que realizar tarefas como cambiar as botas de auga por calzado adecuado antes de acceder ás aulas. Ademais, coa instalacións da cuberta evitaríase en grande medida a entrada de auga e humidade arrastrada polo calzado e a roupa mollada nos momentos de maior afluencia, co conseguinte risco de esvaróns e caídasPor outra parte, na visita ao centro o deputado do BNG constatou que a obra de ampliación rematada no pasado curso presenta deficiencias de execución nas zonas de paso exteriores, principalmente por problemas de drenaxe das augas da chuvia que provocan empozamentos e asolagamentos en zonas pavimentadas do recinto escolar.
Tendo en conta todas estas necesidades o BNG presentou a correspondente batería de iniciativas para o debate en pleno ou comisión. A demanda principal é que a consellaría de Educación instale no presente curso na EEI Crespo Rivas de Pontevedra unha cuberta que permita protexer o alumnado e as familias fronte ás inclemencias meteorolóxicas e garantir unhas condicións axeitadas de acceso ás instalacións.

