O Centro Cultural da Guarda acolle este venres a proxección de “Romería”

Redacción

• A sesión de cine terá lugar ás 20:30 horas, con acceso libre ata completar o aforo e dirixida ao público adulto

O Centro Cultural da Guarda continúa coa programación do Outono Cultural 2026 cunha nova cita cinematográfica.

Este venres, 20 de novembro, ás 20:30 horas, proxectarase “Romería”, a película da directora Carla Simón, nominada á Palma de Ouro no Festival de Cannes.

A longametraxe presenta a historia de Marina, unha moza de 18 anos adoptada dende moi pequena que viaxa a Vigo para coñecer por primeira vez a familia do seu pai biolóxico. A súa chegada supón o regreso dun pasado que permanecía enterrado e abre a porta á reconstrución dunha memoria familiar marcada polas ausencias e as feridas do pasado.

A proxección está dirixida ao público adulto e terá lugar no Centro Cultural da Guarda. O acceso será libre ata completar o aforo. Cómpre lembrar que, unha vez iniciado o evento, non se permitirá o acceso ao recinto.

Con esta nova proposta cinematográfica, o Concello da Guarda continúa a desenvolver a programación do Outono Cultural 2026, achegando á veciñanza diferentes propostas culturais e de lecer ao longo desta tempada.

Comparte este artigo