A programación arranca mañá, mércores 18 de novembro, cun obradoiro de alimentación saudable para mulleres no Espazo Isaura Gómez, ás 18:00h.
O Concello de Tomiño conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres cunha programación que busca estender a prevención e o compromiso coa igualdade a todos os ámbitos da vida cotiá. Baixo o lema «Construíndo igualdade», as propostas deste mes de novembro achegarán ferramentas ao persoal que traballa en contacto coa veciñanza, abrirán espazos de aprendizaxe e coidado para as mulleres e promoverán a reflexión nas aulas e a través da cultura.
A alcaldesa, Sandra González, sinala que «o 25N debe servir para preguntarnos que podemos facer desde cada un dos espazos nos que estamos. Desde o Concello temos a responsabilidade de formar, de facilitar recursos e de acompañar, porque ese compromiso ten que estar presente durante todo o ano».
Neste sentido, unha das propostas será a formación sobre detección e atención básica ante situacións de violencia de xénero, que terá lugar o xoves 19 de novembro, de 13.00 a 15.00 horas, no Espazo Isaura Gómez. Impartida pola educadora social e axente de igualdade Lucía Pereda, estará dirixida ao persoal municipal, profesorado, voluntariado de Protección Civil e outros axentes sociais do municipio, co obxectivo de reforzar a súa capacidade para identificar posibles situacións de violencia e ofrecer unha primeira atención.
«Moitas veces, unha primeira conversa ou unha persoa que sabe escoitar e orientar pode axudar a dar un paso para pedir axuda. Por iso queremos que quen traballa a diario coa veciñanza conte con ferramentas para detectar estas situacións e saiba como actuar», explica a rexedora.
A programación atenderá tamén á saúde e ao benestar das mulleres con dous obradoiros no Espazo Isaura Gómez. O primeiro, sobre alimentación saudable, celebrarase o mércores 18 de novembro, de 18.00 a 19.30 horas, coa nutricionista e enfermeira matrona Diana Ayude. O segundo, centrado no autocoidado emocional e na prevención das violencias machistas, terá lugar o propio 25 de novembro, no mesmo horario, a cargo de Lucía Pereda. Para participar nestas dúas actividades será preciso inscribirse a través de www.tomino.gal.
A Praza do Seixo acollerá o 25 de novembro, ás 12.00 horas, a lectura do manifesto, coa participación de Sachos Violetas, o equipo de igualdade, e alumnado do IES. A implicación da mocidade terá continuidade coa charla «Os nosos corpos, as nosas normas», destinada ao alumnado de sexto de primaria e de primeiro e segundo de bacharelato dos centros educativos do municipio.
A cultura completará esta proposta como espazo desde o que compartir experiencias e abrir debates coa presentación e coloquio de «As Alumnas», de Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023. O encontro coa escritora, dirixido ao público adulto, celebrarase o venres 27 de novembro, ás 20.00 horas, no Espazo Isaura Gómez.
Sandra González anima a veciñanza a sumarse ás actividades e destaca a importancia de «seguir falando de igualdade coa mocidade, de cuestionar as condutas que normalizamos e de conseguir que as mulleres saiban que teñen apoio. A loita contra a violencia machista necesita institucións comprometidas e unha sociedade que se implique».

