O simposio do proxecto Ultreia Sudoe pecha dúas xornadas de cooperación para avanzar nun modelo internacional de xestión das rutas xacobeas

Redacción

Este encontro reuniu en Santiago a representantes institucionais e especialistas de España, Francia e Portugal para compartir os resultados da iniciativa


O simposio internacional do proxecto Interreg Ultreia Sudoe, celebrado os días 17 e 18 de novembro no Museo das Peregrinacións e de Santiago, pechou dúas xornadas de traballo e intercambio centradas na cooperación europea e na mellora da xestión dos Camiños de Santiago.
A cita reuniu a representantes institucionais, persoal técnico das entidades socias e especialistas de España, Francia e Portugal para analizar os resultados acadados ao longo do proxecto, compartir as liñas de traballo desenvolvidas por cada socio e reflexionar sobre o futuro das rutas xacobeas.
Durante o encontro, abordáronse cuestións estratéxicas para o desenvolvemento dos itinerarios xacobeos, como a accesibilidade, a inclusión, a adaptación ao cambio climático, a sustentabilidade e a mellora dos modelos de xestión. O programa permitiu tamén compartir experiencias e boas prácticas doutros itinerarios culturais, así como avanzar na definición dunha estratexia transnacional para o Camiño de Santiago.
Entre os principais resultados destaca a creación dun modelo transnacional para a xestión dos Camiños de Santiago, articulado arredor de tres elementos fundamentais: a dixitalización dos itinerarios para mellorar a recollida e análise de datos; os Grupos Locais de Traballo, que fomentan a colaboración entre entidades públicas e privadas para identificar necesidades e dinamizar os recursos dos territorios; e as Paradas no Camiño, espazos de acollida e encontro que ofrecen servizos e información aos peregrinos e favorecen o contacto coa poboación local.
Ademais, o proxecto elaborou diferentes informes sobre cuestións fundamentais para o futuro das rutas xacobeas, entre os que destacan análises socioeconómicos, estudos sobre o cambio climático e traballos relacionados coa accesibilidade.
Cooperación europea para afrontar os retos de futuro
Esta clausura marca o remate dunha iniciativa que, desde a súa posta en marcha en 2024, traballou para avanzar cara a un modelo compartido de xestión e información das rutas xacobeas, reforzando a colaboración entre os territorios polos que transcorren. Aínda que a súa execución rematará en decembro, os resultados acadados permiten abrir un espazo de reflexión sobre as posibles liñas de traballo futuras.
A documentación e os resultados dos estudos iranse poñendo progresivamente á disposición do público a través da páxina web do proxecto.

Neste sentido, as entidades socias coincidiron na importancia de explorar novas oportunidades de colaboración que permitan dar continuidade ao traballo realizado, seguir mellorando a xestión das rutas xacobeas e afrontar de maneira coordinada os retos do Camiño de Santiago, especialmente ante a proximidade do Xacobeo 2027.

No que vai de ano, máis de 566.000 peregrinos recolleron a Compostela, un 8% máis que no mesmo período do ano anterior. Ademais, o 62% dos peregrinos son de procedencia estranxeira, un dato que evidencia a dimensión internacional deste fenómeno.

Comparte este artigo