A Área Sanitaria consolida o seu liderado na atención ás patoloxías minoritarias coa celebración en Pontevedra da III Xornada sobre enfermidades minoritarias

Redacción
  • O salón de actos do Hospital Montecelo acolleu este foro científico autonómico para abordar o diagnóstico precoz, a atención integral e o valor da abordaxe multidisciplinar
  • A cita reuniu a profesionais sanitarios, expertos de toda Galicia e representantes de pacientes para analizar os retos, a investigación e os últimos avances médicos

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés consolidou hoxe a súa aposta pola formación especializada e de vangarda coa celebración da III Xornada de Enfermidades Minoritarias: do diagnóstico precoz á atención integral: o valor da abordaje multidisciplinar, un evento de alcance autonómico que tivo lugar no salón de actos do Hospital Montecelo.

Este foro científico, co patrocinio da Fundación Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur e as farmacéuticas Sanofi, AstraZeneca, Chiesi, Alexion Pharma, Takeda e Alnyam reuniu durante a tarde a destacados líderes clínicos, xestores do Servizo Galego de Saúde e representantes dos movementos asociativos co obxectivo de debater os desafíos terapéuticos inmediatos e os últimos avances médicos arredor das patoloxías minoritarias.

A apertura institucional deste encontro correu a cargo do director de atención hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés, o doutor David Barros Casas, quen estivo acompañado polo xefe do servizo de Medicina Interna do CHUP, o doutor Juan Carlos Rodríguez García e a directora da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas -FEGEREC-, Carmen López Rodríguez.

Tras a inauguración oficial, o doutor Ángel Carracedo Álvarez, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, impartiu a conferencia inaugural titulada Do paciente ao diagnóstico xenético: claves para solicitar o estudo adecuado.

Continuidade asistencial, abordaxe multidisciplinar e avances terapéuticos
O bloque central da xornada estruturouse arredor de dúas grandes mesas redondas multidisciplinares, moderadas pola especialista en Medicina Interna do CHUP, a doutora Diana Alves Pereira. A primeira delas centrouse no tránsito da idade pediátrica á adulta para garantir a continuidade asistencial, contando coa intervención da pediatra Lucía Rivas Arribas sobre os criterios de sospeita na infancia e da especialista en Medicina Interna Sabela Castañeda en torno ao proceso de transición do paciente mozo.

A segunda mesa abordou a complexidade clínica das enfermidades minoritarias desde unha perspectiva multidisciplinar. Neste espazo, o doutor Christian Anchustegui analizou os cadros pneumolóxicos, a doutora María Jesús Castro expuxo as manifestacións nefrolóxicas, o doutor Alejandro Rivera de Aguilar abordou a sintomatoloxía neurolóxica e o doutor Jorge Domingo detallou o manexo do risco cardiovascular.

Investigación e novos horizontes terapéuticos
A recta final do foro estivo adicada ás novas vías de tratamento coa charla Investigación e novos horizontes terapéuticos, a cargo de Sabela Ortolano, investigadora do Grupo de Enfermidades Raras e Medicina Pediátrica.

O peche institucional e o coloquio de clausura sobre o presente e futuro das Unidades de Enfermidades Minoritarias correu a cargo da doutora Diana Alves Pereira, do doutor Juan Carlos Rodríguez García e da da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas -FEGEREC-, Carmen López Rodríguez.

Comparte este artigo