A fronte nacionalista defende a urxencia de políticas públicas para reverter a crise industrial e a perda de empregos nos sectores produtivos de cara ás eleccións do 29N
Anxo Iglesias: “Vigo será industrial ou non será fronte a aqueles que pretenden facer da nosa cidade un parque temático”
Xabier P. Igrexas: “O voto ao BNG é un voto a prol dun emprego digno, con dereitos e salarios que permitan vivir”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) chama a contar con “aínda máis forza” no Congreso, a partir das Eleccións Xerais, para impulsar políticas públicas en favor da industria da área de Vigo. A fronte nacionalista sitúa entre as súas prioridades para este 29N a posta en marcha de medidas ante a desertización produtiva, a perda de empregos e a precariedade laboral nos principais sectores da cidade.
“Non nos podemos resignar a ver como esmorecen actividades estratéxicas como a automoción ou o naval”, subliñou este luns o candidato do BNG ao Congreso, Anxo Iglesias, durante un reparto informativo ás portas de Stellantis, xunto co portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, e representantes da candidatura e institucionais do Bloque.
Defendeu a urxencia de “políticas reais e efectivas” para blindar a continuidade da industria viguesa, na que se destruíron 7.000 postos de traballos dende o ano 2009. Entre elas, destacou as propostas do Bloque para impulsar un Plan de Reindustrialización e de Reactivación Produtiva, a creación dun Centro Metropolitano de Impulso Tecnolóxico e a posta en marcha do prometido Centro de Reparacións Navais na ría de Vigo.
Iglesias puxo o foco tamén nas axudas e subvencións públicas, esixindo garantías para que se destinen a garantir empregos dignos “na nosa terra” fronte ás ameazas da deslocalización. “Aquelas empresas que trasladan a súa actividade produtiva teñen que devolver eses recursos públicos”, demandou.
Outra das iniciativas do BNG en materia industrial para este 29N pasa por estabelecer unha tarifa eléctrica galega que permita ao tecido produtivo beneficiarse de que Galiza é a día de hoxe un produtor neto de enerxía. Aliás, reclamou máis recursos públicos para a modernización industrial. “Vigo será industrial ou non será fronte a aqueles que pretenden facer da nosa cidade un parque temático”, remachou.
Emprego con dereitos e salarios dignos
Na mesma liña, o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, chamou a “non nos resignar a ver como avanza un sector servizos de baixos salarios, empregos precarios e contratos a tempo parcial”. Contrapuxo o avance destas actividades na economía da cidade coa urxencia de reforzar os sectores produtivos, por ser os que crean riqueza na cidade.
“O voto ao BNG é un voto a prol da industria de Vigo e a prol dun emprego digno, con dereitos e salarios que permitan vivir”, salientou, rexeitando que o futuro da cidade “pase polo monocultivo das luces de Nadal ou do Xacobeo”. Un futuro no que, dixo, a mocidade non pode “estar condenada a escoller entre desemprego, precariedade ou emigración”.

