Mos rexeita o decretazo eléctrico do Goberno central e defende os intereses do municipio fronte ao novo modelo de despregamento da rede

Redacción

O Concello de Mos rexeita a planificación eléctrica aprobada polo Consello de Ministros o venres, que considera un novo decretazo do Goberno central ao impulsar a expansión da rede de transporte eléctrico sen atender as demandas e reivindicacións trasladadas polo municipio.

A nova Planificación da Rede de Transporte de Enerxía Eléctrica con horizonte 2030 contempla un investimento de 17.142 millóns de euros, 193 novas actuacións en subestacións e máis de 6.700 quilómetros de novas liñas eléctricas en todo o Estado. Para o Goberno municipal, esta planificación marca como deben despregarse as novas infraestruturas eléctricas, pero non garante que se teñan en conta as peticións formuladas por Mos nin as alternativas propostas para evitar as afeccións ao seu territorio.

Neste contexto, o Concello mantivo unha nova reunión con Redeia para abordar o proxecto da liña de moi alta tensión vinculada á futura subestación de Bateas. Tras este encontro, o Goberno municipal reafirma que mantén intacta a súa posición e que non vai renunciar ás reivindicacións que vén defendendo desde o inicio da tramitación. Mos deixa claro que non se opón á necesidade de reforzar a rede eléctrica nin á construción de novas infraestruturas para atender a demanda industrial, senón ao trazado proposto e ás importantes afeccións que supón para o municipio e a súa veciñanza.

A posición municipal continúa sendo a mesma: esixir o soterramento integral da liña ao seu paso por Mos e estudar alternativas que aproveiten corredores de infraestruturas viarias xa existentes e de alta capacidade, como a PO-331, evitando novos impactos sobre as vivendas, os montes, as captacións de auga e os espazos naturais.

O Goberno local fundamenta esta postura nos informes técnicos e xurídicos elaborados durante o proceso de alegacións, entre eles os desfavorables á compatibilidade urbanística co PXOM de Mos, á avaliación ambiental e aos bens afectados.

Entre as principais obxeccións figuran a incompatibilidade co planeamento urbanístico vixente, a saturación do subsolo e as posibles interferencias coas redes de servizos municipais, así como as deficiencias detectadas no estudo de impacto ambiental. O Concello tamén advirte da falta dunha análise suficientemente detallada das afeccións sobre as captacións de auga, os núcleos residenciais, a paisaxe e o patrimonio.

Mos reclama, ademais, un estudo comparativo rigoroso das distintas alternativas de trazado, incluída a alternativa cero, e que se valore o aproveitamento de corredores de infraestruturas xa existentes e de alta capacidade para reducir o impacto sobre a poboación e o territorio.

Durante o período de exposición pública, o Concello presentou alegacións institucionais, facilitou modelos de alegación á cidadanía e mantivo reunións informativas con veciños, asociacións, comunidades de montes e comunidades de augas. Tamén contratou unha empresa especializada para afondar na análise ambiental do proxecto.

Mos mantén firme a súa postura e continuará defendendo unha solución que permita desenvolver as infraestruturas eléctricas necesarias sen hipotecar o futuro do municipio nin prexudicar a calidade de vida da súa veciñanza.

Comparte este artigo